Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Crónicas da India (31)

A memoria ten que estar viva

Dá mágoa ver todos os esforzos que se fixeron para chegar á independencia e onde foron agora. Escribe María Reimóndez, de Implicadas no Desenvolvemento.

María Reimóndez - 09:30 25/08/2008
Tags:

Certificado de hinduidade
Por máis veces que veña a Thanjavur sempre me abraia a grandeza do templo, a súa pedra de area e as súas esculturas que contan historias ancestrais. O chan arde sen sombra, a característica abraiante da súa arquitectura, os calcetíns fanse necesarios e tamén a procura das árbores do pequeno xardín que acompaña un dos laterais do templo. Paramos ante un dos frescos debatendo a historia que conta. No fresco, un corzo traspasado por unha frecha. Unha escena de caza? Polas escenas anteriores eu estou convencida de que é o Ramayana. Non recordo todos os detalles do épico, obviamente, pero si un episodio no que lle botaban unha maldición ao heroe polo cal non podía distinguir que o corzo que acababa de ferir non era outro senón Sita.

Faime graza ser eu precisamente quen recorde todos os detalles... menos mal que neste templo poden entrar todas as persoas ver o deus, independentemente da súa relixión ou condición social (de feito foi un dos primeiros da India en deixar entrar intocables, cousa que Gandhi recoñeceu publicamente nun dos seus escritos) porque senón estaría tentada a ir onda o bramán para ver por que estándar meden a hinduidade. Medicións que están aí en todas partes e que o mellor que poden facer é desaparecer, como a sombra do templo de Thanjavur, por moito que a moitos lles vaian queimar os pés.

A memoria ten que estar viva
En Karaikal visitamos as aldeas e temos reunión coas integrantes da directiva do banco. A visita remata coa celebración do día da Independencia (da India, o de Karaikal é o día antes, o 14 de agosto, data en que se independizaron de Francia, uns trinta anos máis tarde có resto do país) na que me paro a observar os bailes preparados por diferentes colexios nos que se representan escenas da loita pola independencia ao ritmo das cancións da “loita pola liberdade”.

Gandhi, unha India en forma de muller que loita polos seus súbditos, moitas emocións encontradas na recordo da memoria que nunca debe quedar atrás. Mais tampouco ser fosilizada, que é un pouco o que acontece nestes actos, quitando os azos das nenas e nenos, que aplauden cando a India esmaga co seu pé ao invasor. Porque como dicía Clara Campoamor, a liberdade apréndese exercéndoa, e dá mágoa ver todos os esforzos que se fixeron para chegar á independencia e onde foron agora, grazas ao capitalismo rampante, a globalización neoliberal, o intervencionismo de USA e demais amizades perigosas. A memoria non pode ser un fósil. Ten que estar viva no presente.


O corpo avanza
Dende que saio de Karaikal os días pasan como cando se come sen fame. O corpo segue o movemento sen ganas. De Karaikal a Pondicherry, de Pondicherry a Mahabalipuram, de Mahabalipuram... a Chennai e de volta a Vigo. Entendo o itinerario e sei que teño que percorrelo, acompañando ás rapazas ao templo de Mahabalipuram, ás últimas compras... O meu corpo avanza, a miña cabeza resístese coma sempre a moverse tan rápido.




Crónicas anteriores:


2/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: