Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Crónicas da India (24)

Preparando o Vanakkam

Saen por fin pola porta de chegadas do aeroporto de Chennai con cara cansa pero sorrinte as seis participantes do Vanakkam deste ano. Escribe María Reimóndez, de Implicadas no Desenvolvemento.

María Reimóndez - 11:00 18/08/2008
Tags:

Preparando o Vanakkam
O venres mence de novo en Tiruchy coas rutinas habituais do traballo dende as seis ata as oito e media aquí na casa (traducións, cousas pendentes de Implicadas, textos varios...), logo o caldeiro, o almorzo, a oficina. Toca preparar todo para a chegada, mañá pola noite, das 6 integrantes do Vanakkam deste ano. 6 mulleres que fixeron o ciclo formativo que organizamos en Galicia dende abril a xuño e que decidiron viaxar ao proxecto dúas semanas para poder aprender de primeira man e coñecer en primeira persoa o traballo feito. Despois da boa experiencia do ano pasado estou segura de que serán dúas semanas intensas pero moi produtivas para todas as partes.

A muller invisible (eu)
Cando me deito espida nesa estraña plataforma de madeira o meu corpo non existe. Existe porque o vexo pero en realidade só cobra corporeidade real cando ela pon as súas mans sobre a miña pel e recoñezo o peso dos músculos. Lembro que existo. Que teño unha forma física. Dende o pelo ata as puntas dos pés. Como se fose a muller invisible que de socate aparece cunha apócema máxica que ela leva nos seus dedos.

Sei que esta é a miña última oportunidade deste ano, que a partir de hoxe o meu corpo desaparecerá novamente nas ocupacións e volverei ser a muller invisible, se cadra resucitada por algún eventual contacto inesperado deses que adoitan devolver o meu corpo á visibilidade por motivos diferentes aos das súas mans e que axiña se adoitan perder no esquecemento sen máis. Agradezo ao meu corpo a capacidade que ten de facerse insignificante e non amolar demasiado. Sei que hai cousas que bota en falta pero algunhas sabe que son unha ausencia só momentánea (o deporte, sobre todo o deporte, e bailar) e outras simplemente hai que deixalas estar.

Chennai de novo
Cando chego a Chennai é de noite, levo no corpo dúas películas (unha á que lle fixen caso, actuaba Vikram, o meu actor favorito e ademais era bastante tragable; a outra nin mirei para ela, era un tipo película do underground no Tamil Nadu rural con moitos asasinatos sanguinarios), unha viaxe moi lenta (hai moitas obras na estrada), dor de todos os ósos do corpo (ata os do oído, diría eu, todos se menearon no minibus) e ganas de estirarme e durmir. Mais iso non vai ser posible hoxe. Porque son aínda as oito e algo e temos que agardar ata a unha da mañá a que chegue o grupo do Vanakkam.

Así que Ambal, Bobby, Sahajaraj e mais eu seguimos a rutina habitual de coller un cuarto nun hotel no que nos dedicamos a a) estarricar o corpo b) ducharnos c) latricar d) -no meu caso- ler un libro como unha posesa e) cear. Durante a cea Bobby come un chile e chora, cousa que nunca antes vira. Eu caio do sono e decido, nun evento que quedará marcado nos anais da historia, beber unha coca-cola por ver se esperto. O efecto non se pode dicir que sexa moito. Así que cando chegamos ao aeroporto Bobby e mais eu poñémonos a durmir entre dous asentos do bus, porque aínda queda como unha hora para que chegue o avión, que trae atraso, e máis tempo aínda para que estas pobres mulleres pasen as colas de inmigración e recollan as maletas. Resumindo, pasadas a unha da mañá saen por fin pola porta de chegadas do aeroporto de Chennai con cara cansa pero sorrinte as seis participantes do Vanakkam deste ano e comeza a mesma odisea de volta, desta vez con seis caras que miran pola ventá no medio da noite tentando ver algunha cousa e efectivamente (para a miña sorpresa) vendo algo.

Celebracións de aniversario
Cando chego á casa ás once da mañá, 24 horas despois de saír dela o día anterior, é o 3 de agosto e estou de aniversario, o último para o que teño o corpo é para celebracións. Métome no cuarto, tírome no chan e durmo ata a hora de comer. Como. Métome no cuarto e durmo ata que soa o teléfono cunha chamada de felicitación desas que son contadas pero nunca fallan e me poñen sempre o sorriso da compaña nos beizos. Son as cinco e media, decido manterme esperta unhas horas, máis que nada porque quedamos de ir ás seis pola oficina para comprobar que o grupo do Vanakkam está a gusto.

Na oficina están, ademais das rapazas do Vanakkam, Sahajaraj e Caroline, que sacan non se sabe de onde unha tarta e un número indeterminado de candeas. Caroline, que é quen as está poñendo, confesa que non ten nin idea da miña idade pero que vai poñer 21 (non me preguntedes con que criterio...). Si, na India fixen os 21, pero iso foi hai xa moito tempo! Botamos unha gargallada e celebro os meus 33 con 21 velas e tentando manterme esperta ata as nove e media, hora de botarse novamente no chan e durmir, durmir. Unha grande celebración letárxica foi esta. Non me queixo, que conste, non hai mellor agasallo que descansar. Vale, unha festa como deus manda (música, amizades, comida, baile, con iso xa me chega) tampouco estaría mal pero a data en que miña mai me pariu e o feito de estar fóra da casa ou eu ou as amizades sempre nestes días leva impedíndome tal evento dende o día que nacín. Así que calquera cousa boa vale.




Crónicas anteriores:


Ligazóns

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: