A súa familia non quería que seguise estudando, xa rematara a secundaria e non había máis que falar. Pero ela insistiu. Escribe María Reimóndez, de Implicadas no Desenvolvemento.
O traballo que custa ser rebelde
Cando vexo esa determinación noutra muller hai algo en min que en seguida fai conexión, un chip que se activa, algo que se pon en marcha. Recoñezo algo que creo posuír en persoas moi diferentes a min, en circunstancias distintas ás miñas. Cando Padma senta aos seus 18 anos como integrante do grupo de aforro, beneficiaria dun curso de capacitación e receptora dun crédito para o seu negocio, ademais de como estudante de primeiro ano de universidade, comprendo o traballo que custa ser rebelde e o respecto que me provoca unha e mil veces.
A súa familia non quería que seguise estudando, xa rematara a secundaria e non había máis que falar. Pero ela insistiu, animada tamén por un curso que organizou o proxecto sobre capacidades para a vida enfocado ás mozas no que, entre outras cousas, se animaba ás rapazas a tomar as súas propias decisións e a priorizar a súa independencia (estudos, traballo) por enriba de casar aos 18 anos por orde paterna.
As mensaxes caeron na mente vizosa de Padma como un bo reforzo, así que comezou a producir xabón que vende durante a semana ao regreso da universidade e durante as fins de semana e con iso paga os estudos (o billete de bus dende a súa aldea a Karaikal, despois de andar 3 km en bici ata a parada). Cando lle pregunto se tivo algún problema indo á universidade cos rapaces que adoitan poñerse nas paradas dos buses para torturar ás mozas cos seus comentarios e tocamentos ela nega: comigo non se mete ninguén. Abofé!
Chegamos lonxe
Seguramente poucas persoas casarían a foto das catro mulleres e un home coas que me reúno o xoves como a xunta directiva dun banco, mais así é. O proxecto está formando un banco e esta é a súa xunta directiva. O obxectivo: que todas as integrantes dos grupos de aforro sexan accionistas e que poidan dispoñer dun capital suficiente para dar saída a maiores investimentos individuais sen perder o control que agora teñen nos grupos.
Na xunta, ademais das cinco representantes dos grupos (catro mulleres e un home que representa ao grupo de aforro de persoas con discapacidade, o único mixto), figuran tamén dúas persoas do cadro de persoal do proxecto, que botarán unha man nas cuestións administrativas. O banco ten previsto ter no futuro a súa propia oficina. Polo de agora están a recadar as contribucións dos diferentes grupos: xa contan con 110 accionistas e o número vai en aumento. O seu comentario unánime: nunca pensamos que puideramos chegar ata aquí. Mais chegaron. E nós con elas.
Chitra aprende tamén a coser
Cando entro no centro de costura que pasa seis meses en cada aldea, atopo dentro a Chitra. Non hai actividade na que Chitra non estea presente. Ela non pode manexar as máquinas de coser, non lle chegan as pernas, pero cose afanosa con punto fino. Dende a última vez que nos vimos o proxecto deulle apoio para levar ao seu home aos tribunais. Casara con ela para poder vivir da súa pensión de discapacidade e abandonouna en canto quedou embarazada e tivo unha filla que herdou a mesma enfermidade. Dende o proxecto recibiu asesoramento para poder denunciar e recibir polo menos unha pensión, os seus ingresos redúcense á pensión e aos traballos que pode ir facendo, grazas á formación do proxecto.
A vida vai mellorando pouco a pouco, malia a súa falla de constancia da que facemos graza e ela ri coma sempre comentando como explicación algunha ocorrencia. Desta vez quere probar cunha cabina telefónica. Sahajaraj fará as xestións necesarias para que poida instalala e xestionala. Pero despois non te poderás desfacer dela e pasar a outra cousa, advertímoslle. Non, non, diso nada, afirma ela. E como proba pídeme o teléfono para chamarme cando teña a cabina.
Crónicas anteriores: