Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Crónicas desde a India (8)

Conexións

Aprender formas de escoitar. Canta falta fai lembralo no eido da cooperación, tan cheo de persoas brancas que cren saber máis có resto. Escribe María Reimóndez, de Implicadas no Desenvolvemento.

María Reimóndez - 13:30 26/07/2008
Tags:

Conexións
Resulta incrible como se relacionan ás veces cousas que semellan moi distantes. Realmente é nesas conexións onde me gusta pararme en moitos sentidos, creo que son estas precisamente (como defende Nawal al Sadawi e tamén Obioma Nnaemeka) as que evitan as visións colonizadoras e neoimperialistas. Por cuestións que non veñen ao conto estes días estou lendo bastante sobre o feminismo da antiga URSS e precisamente nun dos artigos que teño a man atopo unha conexión directa ao acontecido coa tsunami.

Michele Rivkin-Fish acompañou a un grupo de representantes da OMS a San Petersburgo e analizou as estratexias de traballo que no canto de ir aprender e escoitar ían a impoñer e ignorar o seu entorno. Que práctica tan habitual e daniña. Neste caso o grupo de “consultoras/es” da OMS, no seu papel de expertas decidiron ignorar primeiro as convencións culturais en canto a horarios e relacións sociais (ignorando aquelas cuestións de cortesía que lles ofrecían as médicas que ían visitar aos hospitais porque lles parecían perdas de tempo) e tamén os intentos de explicarse das doutoras. Como conclúe Rivkin-Fish, o máis importante é aprender “formas de escoitar” e sobre todo “construír relacións baseadas no entendemento mutuo”. Canta falta fai lembrar estas cuestións neste campo de traballo da cooperación ao desenvolvemento, tan cheo de persoas brancas que cren saber máis có resto.

Ledicia que pasa a tristeza
Vadaku Vanjoor é a aldea máis afastada de Karaikal. A min, porén, gústame visitala precisamente por iso. Pola longa viaxe en moto que me permite observar moitas cousas e pensar sobre o ceo rachado nunha morea de cuestións. De camiño, vou contenta. A nosa animadora, Parameswari, deixou o traballo porque quedou embarazada e o persoal médico aconselloulle repouso. A min estas novas tenden a darme un pouco igual, polo xeral, pero no seu caso sei do significado que pode ter.

Parameswari perdeu á súa filla na tsunami, a única filla que tivo despois de bastantes anos de casada, cando xa non o agardaba. Recordo a súa ollada anestesiada e carente de folgos, tamén o seu entusiasmo no traballo, que a axudou a ocupar a cabeza nos momentos tan duros. Cando chegamos á aldea, achegámonos á súa casa. Semella contenta pero as súas respostas curtas e a súa cara din cousas diferentes. Pregúntolle que tal e as súas respostas son esquivas así que prefiro non insistir máis no tema do embarazo, que por outra banda non é visible. Á saída sabemos a razón do seu comportamento: tivo un aborto. A súa decepción e dor tan grande que nin sequera nolo puido dicir. Pásame a alegría e vólveme a tristura.

Nenos detidos no tempo
As clases de apoio son sempre un lugar de ledicia e voces pequenas de nenas e nenos. Hoxe todo semella o de sempre, só que os meus ollos non poden evitar pousarse na foto que preside a entrada da casa da animadora onde se imparten as clases. É a foto dun neno. Un neno que quedou detido no tempo para sempre o 26 de decembro de 2004. Preside silencioso o tempo que debera ser del tamén pero xa nunca será.

Procuro concentrarme nas caras ilusionadas da clase mais non podo deixar de pensar tampouco no sobriño da animadora e nos días tristes e duros en que percorrín a aldea cando aínda non había nin fotos que pendurar, só unha fonda ausencia nas miradas e unha incomprensión da vida absoluta e devastadora.


Crónicas anteriores:


Ligazóns

1,8/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: