Unha na boca, outra na man, e o ollo na mellor. Así lles definía un meu avó, que en paz descanse, a imaxe dun lambón profesional fronte a un pote cheo de talladas. Unha na boca, outra na man, e o ollo na mellor. Así parece que funcionan tamén os identificadores de choios e bicocas neste paísiño tan complicado de aquelar.
Acordábame do asunto esta semana ao fío do episodio electoral estadounidense. Aló, e mentres os focos reparan na esperanza obámica, o inefable Bush proxecta pechar mandato cun paquete dun cento de medidas coas que, case ás agochadas, abrirá buratos diversos na xa fráxil política medioambiental dos EUA. Furados en zonas protexidas, talas indiscriminadas, permisividade para novas minas... En xeral máis talladas ás que se permite botarlle o dente indiscriminadamente. Á vez, unha política de escangallamento preventivo coa que lastra o goberno entrante.
En Galiza sabémoslles ben de gobernos que deixan lastres gratis, 'apanden aí queiran ou non', nese período provisional. E tamén lles sabemos desa estratexia de escarallamento preventivo da que eu lles veño falar aquí: primeiro facilitar que se arrample con todo e despois deixar caer a xente na poza da resignación. O anterior goberno practicábaa con gusto. A barra libre para a minicentralización, os privilexios para chantar muíños a cambio de nada e a permisividade que deu en mosaico feístico a pé de costa e no interior son exemplos evidentes.
O goberno actual tamén se deixa seducir ás veces por estas estratexias do "deixar facer". Aínda recoñecéndolle ao bipartito algúns goles lexislativos, é ben reprochábel que a continuación marquen en propia meta. A insensata esaxeración do plan de portos deportivos, a inoperancia fronte ao levantamento de vías de proximidade, as chapuzas da burocracia eólica, ou os buratos acuícolas dos que ben contaba Manoel Santos a conto do rodaballo quente de Corrubedo serían exemplos claros.
Por desgraza, o país non conta agora cunha oposición capaz de presentar alternativas fronte a tales buratos. Moi ao contrario, o PPdeG usa a ampla representación parlamentaria coa que conta para animar o Goberno a deixarse seducir a fondo pola estratexia do escarallamento preventivo. Así por exemplo, mentres un golpe de explotacións mineiras ilegais furan recantos ambientais protexidos, a receita PP: legalizar as explotacións. Ou mentres o alugueiro e venda de infravivenda e o descontrol construtor seguen sendo noticia, a teima PP: pedir que se eliminen os regulamentos recentes contra a situación.
Son malas novas para o país. Fronte ás desilusións sociais coa velocidade do "cambio", a oposición escolleu agora o camiño fácil. Cando o fraguismo acababa de caer, pareceran elixir unha estratexia tan complicada como eloxiábel: propoñer alternativas para gañar cota social e recuperar o poder perdido. Agora, o cambio é radical: no canto de tratar de convencer o electorado que marchou co rival, semellan conformárense con desmobilizalo. Audis, nevera, mojitos, cadeira, despachos... Optan polo atallo da anécdota e a demagoxia, tan fácil como perigoso. Unha estratexia onde todo vale e onde a distorsión interesada da verdade que se difunde un día non é corrixida ao seguinte. Apela o PP a un abstencionismo que lles devolva os despachos? Mal favor a Galiza.
Roberto Noguerol naceu en Chantada en 1976. É Xefe de Redacción de Vieiros. Mantén a bitácora No andaime. »