Política Territorial asegura que se concentrará na ampliación dos existentes e que os novos peiraos vanse despregar en zonas que xa tiñan uso portuario.
O contorno do Golfo Ártabro ao norte, e a ría de Vigo ao sur, serán os dous eixos principais do Plan Director de Instalacións Náutico Deportivas que este mércores a consellaría de Política Territorial lle presentou a autoridades portuarias, empresas e representantes municipais. Na altura de 2020, as 11 mil prazas de amarre actuais pasarán a ser arredor de 32 mil.
"Un requisito do Plan é a mínima afectación da costa", explicou a conselleira de Política Territorial, María Xosé Caride, durante a presentación este mércores do proxecto. Caride indicou que o plan articulará "un único sistema portuario galego cohesionado e con oferta de calidade", e destacou que "ofrece unha visión integral de conxunto do espazo costeiro". Insistiu ademais e que, na súa opinión, a planificación nace "con vocación de respecto ao noso entorno litoral, tremendamente sensíbel".
Baiona e Sada, portos de referencia
No sur do país, a potenciación do porto de Baiona levaráo a ser o de maior número de amarres en Galiza, con 1.622. Perto del, a área de Cangas e Moaña desenvolverá até catro portos. En total, esta área sur chegará a máis de 8.800 puntos de atraque, máis da cuarta parte do total do país. Ao norte, o porto de referencia será o de Sada, onde en 2020 habería case 1.600 amarres. En conxunto, a área do Golfo Ártabro quedará por riba das 7.000 prazas para embarcacións deportivas. En Ferrol, o peirao de Curuxeiras dará lugar a un gran porto deportivo.
Na Ría de Arousa, a Xunta deseñou dous polos de atracción en Cambados e O Grove, e outros dous ao norte, en Rianxo e Cabo de Cruz, ademais de potenciar o porto de Vilagarcía como a maior concentración de amarres da zona, con máis de 1.000, seguido de Ribeira con case 700. En total, arredor de 7.000 prazas. Ao norte, nas rías altas a previsión e de construción de 4.000 amarres. Segundo Política Territorial, neste área proxectouse crear o porto de referencia en Burela, ao considerar que sería o lugar "con menor impacto paisaxístico, biolóxico e de dinámica do litoral".
O contorno de Pontevedra sumará en 2020 algo máis de 3.000 puntos de amarre, con novas instalacións en Bueu e Aguete. O impacto ambiental previsto levou á Xunta a renunciar finalmente a usar a zona de Portonovo, e xa que á beira haberá ampliación do de Sanxenxo. Por último, a Costa da Morte sumará unha vez que se complete o proceso un total de 2.800 prazas, repartidas en catro portos e seis instalacións de atraque diferentes.
Unha previsión de crecemento criticada polos ecoloxistas
A convicción de que o plano non responde ás "necesidades reais" do sector náutico-deportivo é un dos argumentos que desde hai tempo salientan os colectivos ecoloxistas desde que se coñeceu a ambiciosa previsión do Goberno. Recordan por exemplo desde a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza que agora mesmo, Galiza xa dispón dunha proporción de 1,6 embarcacións por cada amarre, mentres que países onde o sector está amplamente desenvolvido, como Francia, as porcentaxes son de 9 embarcacións por amarre. "A estimación do número de usuarios e do seu incremento ata o horizonte de 2020 é ao noso xuizo vaga, e non está debidamente xustificada", consideran desde Adega.
Desde Verdegaia hai tempo que xa advertían sobre a necesidade de estabelecer moratorias sobre a construción e ampliación de portos deportivos, o mesmo que sobre paseos marítimos ou campos de golf a pé da costa, mentres non se deseñase polo miúdo un plan de xestión sustentábel do litoral. Hai poucos meses, o colectivo poñía o exemplo da ría de Cedeira, onde o proxecto de porto deportivo implica a construción dun novo dique e o recheo con entullos e formigón dunha parte do leito mariño da ría. Verdegaia pedía daquela a paralización da iniciativa polo "prexuízo ambiental", con alteración de correntes mariñas incluído, nun área en trámites de ser declarada Reserva Mariña pola súa riqueza pesqueira e marisqueira.