Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Roberto Noguerol

Matemática municipal

18:00 24/05/2007

Pode un alcalde colaborar no bloqueo de millonarios investimentos no seu Concello e aos poucos meses gañar por maioría absoluta? Sobre esa misteriosa maxia electoral, que aconteceu no país antes de agora, pretendo contarlles deseguido.

Era dunha vez que,

un alcalde do PPdeG renuncia a esixir a execución dunha sentenza que estabelece que o Concello que goberna, Chantada, reciba arredor de mil millóns de pesetas. E fai tal renuncio para non enfrontarse co xefe provincial do seu partido, Francisco Cacharro Pardo, presidente da Deputación de Lugo, a institución que quedou cos cartos do canon enerxético irregularmente.

Reparen ben neste dato, as cifras non están erradas: mil millóns de pesetas.

Estamos en 1999, quedan poucas semanas para as eleccións municipais e o alcalde, na súa condición de deputado provincial polo PPdeG, decide non apoiar o seu propio pobo. O PP cacharrista vota unido contra o pago do débito. E que pasará nas urnas? Castigarán os veciños o disparate do rexedor que bloquea o ingreso nos petos comúns de tan gorentosa débeda? Pensarán vostedes que en boa lóxica este señor acababa de cometer un suicidio político e que a xente non lle perdoaría un desprezo tan daniño para o pobo, independentemente das cores políticas que representase. Trabúcanse. Poucos días despois gañaba por maioría absoluta, con preto do 60% dos votos. Na matemática democrática dous e dous non suman catro.

Esta que len é unha das miñas pequenas explicacións, desde o contorno próximo, para os presuntamente inescrutábeis comportamentos electorais deste país que teimamos en padecer. Galiza funciona, funcionou, veu disfuncionando, así. Avalíen no seu contorno, pero a pé da miña casa as democracias son así de fracas, e durante moito tempo cando petan nas portas pola noite en véspera de eleccións poderá ser alguén coas papeletas dun partido na man preguntando "cantos sodes na casa?".

O barón provincial que controlou pistas, airas, corredoiras e puntos de luz, que domou o mapa comarcal con látego subvencionario até o punto de marcar con xiz irrecusábel as parroquias onde lle negaran o voto: o Big Brother lugués, xa logo vai marchar. Pero moderen o optimismo: atrás dos soberanos deste estilo hai unha rede de redes e inercias, resignacións, domesticábeis indolencias, dignidades adormecidas, belicosas presións e desapiadadas manipulacións do carto público. A transformación real está a pé das casas, no nivel de goberno máis próximo, e é moito máis ca mudar unhas cores políticas por outras. A transición das cabeciñas até a madureza da cultura política é un proceso máis complicado e longo que un simple cambio de nomes nos sillóns do poder.

Nesta altura importa pouco que desa idea sexan conscientes os murchos patróns e Celidonios que deixan os seus tronos. O decisivo é que a asuman os que chegan de novo a ocupar os asentos do poder. Serán capaces de apostar pola rexeneración dos resortes pervertidos? De osixenar as castigadas matemáticas da liberdade no canto de aproveitar os refugallos das rutinas de sempre? Non é labor pequeno, pero só así os predicados cambios serán reais. Se por exemplo, e mirando na actualidade recente, comezamos por recoñecer que non estamos fronte a un anecdotario inconexo e que a fraude non son casos illados nin exóticas trastadas, se cadra andamos o bo camiño.

4,77/5 (31 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: