Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Roberto Noguerol

O ataque á I+B: de como o desgoberno dinamita políticas sólidas

17:00 25/11/2009

"Erradicación desta lacra social", "loita incansable", "traballo tenaz", "sentidas condolencias", "apoio firme ás familias", "concienciación e prevención". Son exemplo de expresións que poderán atopar a miúdo nas declaracións das formacións políticas ao fío dos episodios de violencia de xénero que periodicamente axitan as primeiras planas. É ben coñecida a plantilla de tópicos coa que se redactan as notas de prensa nestes casos. Mais, que sexan palabras baleiras ou promesas cheas de significado dependerá das iniciativas prácticas que ao respecto do problema propoñan esas formacións políticas.

Na pasada lexislatura déronse pasos importantes. Houbo unha viraxe significativa: vimos bastante máis que a clásica apelación aos tópicos periódicos e á dureza de palabras demasiado repetidas. Á fin abrollou a vontade de afrontar un desafío complexo a través de solucións complexas: con ambición e pensando no medio e o longo prazo. As oficinas de I+B son un exemplo perfecto: o labor de concienciación e o traballo de asesoramento despregado a través destes grupos é digno de felicitar. Non só a creación dos equipos, senón os esforzos para a súa profesionalización, son ben louvábeis. Na convicción de que para este reto non existían receitas fáciles, apostouse por un labor continuo, esforzado, ás veces pouco visíbel, a pé das comarcas. Agromou un sistema innovador e eficaz, que de xeito laborioso traballaba cada día na prevención, a sensibilización, a concienciación ou a asesoría. Na certeza de que nesta loita non hai atallos en forma de campañas publicitarias de quince días arredor do 25 de cada mes de novembro. Na idea de que o verdadeiro camiño é o combate paciente do día a día. En favor de cambios reais e profundos.

Un, que é optimista, agardaba que o novo Goberno aproveitase unha boa parte dos éxitos do executivo anterior. Máis aínda, que aproveitase especialmente aqueles éxitos baratos de manter, e por riba, que se puxese medallas con aqueles chamados a renderlle beneficios no medio prazo, apadriñándoos como se os tivese parido esta nova Xunta. Tal debía ser o caso das políticas de Igualdade e Benestar (I+B) das que aquí falamos unha miga. Pero o optimismo bate ás veces coa realidade: a teimosía, a ignorancia e a torpeza política nubran a capacidade dos que lles toca decidir ao respecto. E tiran polo camiño do desgoberno e mesmo da mentira.

Gobernar é difícil, pero desgobernar é aínda ben máis difícil. Un pode deixarse levar, como fan algúns goberniños desnortados, aproveitando correntes e burocráticas mareas, navegando o desconcerto e a falta de ideas tocando o menos posible, non vaia ser que a estraguemos máis... Pero o sorprendente é cando un goberniño saca de coitela e comeza a machetadas cos paus que sosteñen as velas ou co propio temón. Con vontade manifesta de quedar ao pairo no medio do océano da política.

A actual secretaria de Igualdade tivo esta semana unha comparecencia diante dos medios onde deixou un par de pérolas que poderían ter sido cualificadas de brillantes. Parecería, fóra de contexto, que as súas palabras expresaban ese compromiso ambicioso en favor dos servizos de igualdade e apoio ás familias. Pareceríano... se non soubésemos que en realidade o seu departamento está desmontando equipos que estaban converténdose en referencia neste traballo a prol da Igualdade. Tirando ao lixo exemplos do mellor que fixeron os seus predecesores. É dicir, unha vez máis, un membro deste Goberno querendo camuflar con retórica e palabreiría a realidade das súas accións políticas. Un exemplo, claro e grave, do acoso e derribo a políticas estruturais sen importar o socialmente sensíbel e o profesionalmente sólido que medraba o proxecto.

Oxalá volva o sentidiño... e que sexa máis cedo que tarde.

4,85/5 (27 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: