Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Roberto Noguerol

Galicia 1 – Galiza 0? Mallando en centeo verde

11:40 11/06/2008

Recordo a portada dun disco que dicía "Non lle toque-lo rabo á vaca, que pensa que é o boi", unha casete que alguén me achegara en tempos de colexio polas chantadesas terras, cousa de canfurnada musical dos míticos Rastreros. Cando ían arrastrando os instrumentos pola parroquia, seica algún vello apuntaba con desconfiado menosprezo: "aí vai a orquestra da drogha".

Explicarlle a algúns acreditados resabidos por que ao país lle acae máis Galiza como nome do que lle fai Galicia, é tarefa tan complicada como instruír a aquel veciño sobre a revolución bonita do punk-rock bravú que agromaba atrás do que para el non viña sendo máis ca unha mestura de "moito chun-chun e moito jao-jao".

Cando hai uns anos colleu pulo a Proposta Galiza, con bo criterio elixiron subliñar que a aposta por recuperar o nome do país tiña que ver coa idea de espantar derrotismos e desánimos, e acender un motor de optimismo cara ao CAMBIO. Unha mudanza simbolizada en "recuperar o nome que nos identifica desde as nosas orixes como pobo: Galiza". En tempos de necesario desafío, a comezos do século que agora andamos, non era aposta pequena, Como aceiro debuxando en peito de cacique, riscando de arriba para abaixo: Z.

Contábanos daquela un experto consultado que por exemplo a forma "gallego" era o común até que as Irmandades restauraron o sentidiño da palabra "galego": xa que logo, "un problema de vontade e de práctica lingüística". Pero o mellor será non enlear en reviravoltas de lingüistas, pedirlle á Real Academia que homologue o futuro é como teimar en que as montañas baixen a Mahoma: burocracias innecesarias. Para chegar ao cumio das montañas hai que subilas.

Esquezan burocracias e compulsas, eviten permisos mediáticos e rexeiten certificados políticos. Rían dos que semellan encher o papo de felicidade porque unha institución ande preguizosa en conceder un cruño que certifique a "oficialidade" de Galiza nos despachos. Desboten apoloxías prescindíbeis e limítense a responder a censuras, talibanías e reconvencións, se lles presta, con humor e punkismo creativo: "Galiza, gran carallo de sal, sementemos o futuro co sal da salvación".

Dicir Galiza é falar "ilegal"? Un reproche inútil, como facer regos na auga. Se vostedes queren, Digan Galiza, digan futuro.

4,64/5 (36 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: