Segundo publica este domingo un diario coruñés, a Real Academia Galega considera que a forma "normativa e xuridicamente lexítima é Galicia".
a) Galicia e Galiza son formas históricas lexítimas galegas no sentido filolóxico. As dúas circularon na época medieval, pero só Galicia mantivo un uso ininterrompido ao longo da historia na lingua oral.
b) A denominación oficial do País normativa e xuridicamente lexítima é Galicia.
A Real Academia Galega (RAG, a web da institución estivo inactiva durante toda a mañá deste domingo) respondeu deste xeito a unha consulta formulada o 19 de setembro de 2007 pola Consellaría de Cultura sobre a "pertinencia ortográfica do topónimo Galiza para denominar o noso País", segundo publica este domingo na súa edición nacional o xornal coruñés La Voz de Galicia.
A petición solicitaba unha aclaración por parte dos académicos, "á vista das diferentes interpretacións existentes sobre a lexitimidade do uso do topónimo Galiza nas publicacións oficiais da Xunta de Galicia", afirma, ao abeiro da revisión en 2003 das Normas ortográficas e morfolóxicas do galego por parte da RAG.
Os argumentos recollidos na contestación a Cultura, que asina o presidente da institución, Xosé Ramón Barreiro, foron debatidos e aprobados nunha reunión do Plenario, organizada o pasado 29 de marzo. O xornal achega unha copia desta misiva.
Debate no Plenario
Dos detalles do debate que se produciu na xuntanza de académicos, informa tamén La Voz de Galicia, aínda que neste caso cita declaracións que non aparecen no documento: "A Academia aclara expresamente que a comisión encargada no seu día de analizar o tema nunca cuestionou que o nome oficial do país é Galicia, tal como consta nos textos legais como o Estatuto de Galicia".
No entanto, segundo o redactor que asina a noticia, unha parte da comisión quixo que "dalgún xeito se fixese constar que a forma Galiza tamén era unha forma histórica auténtica galega".
A redacción do texto tamén foi obxecto de debate, afirma o xornal, xa que ante a expresión "Galiza é tamén unha forma lexitimamente galega", un membro da comisión chamou a atención sobre o feito de que 'lexitimamente' se puidese interpretar como con valor legal. Mais aclaróuselle que a palabra se utilizaba co valor de "autenticamente, xenuinamente", di o diario.
Apunta outro dato máis do debate no Plenario este rotativo. Sinala que a posibilidade proposta por algúns académicos de aceptar as dúas formas foi rexeitada porque di que a RAG "consideraba que un país non debe ter máis ca un nome na súa propia lingua, e que aceptar esta vía sería unha mostra dunha esquizofrenia lingüística non desexable".