Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Os veciños organizan patrullas de vixilancia

Fomento arrepaña as vías de proximidade "de noite e ás agachadas"

Os veciños de Portas lideran a loita polo tren, malia as ameazas de sanción realizadas desde a subdelegación do goberno español en Pontevedra.

Redacción - 13:45 22/07/2008

O despregue da alta velocidade no eixo atlántico vai paralelo á supresión das estacións onde o tren de proximidade facía parada ao longo deste traxecto. Para evitar a desaparición do seu apeadeiro, os veciños de Portas (Pontevedra) organizaron unha protesta o pasado sábado cortando a vía ao paso do tren rexional, malia a advertencia da subdelegación do goberno español de que se trataba dunha convocatoria "non autorizada".

Dende 1995 foron desaparecendo de vagar os tramos da liña de tren tradicional que conectaban as vilas de Galiza. Por exemplo, hoxe entre Coruña e Compostela só quedan as paradas de Ordes (por cuestións técnicas para o futuro TAV galego) e a de Meirama. Moitos pobos e localidades quedaron incomunicados, mais non só desapareceu o servizo que os conectaba senón que tamén foron levantadas as antigas vías do tren que pasaban polas vilas.

Como explica Fernando Gómez, coordinador da plataforma Salvemos ao Tren, "a estrutura da alta velocidade non vale para colocar un servizo alternativo de proximidade". "Se levantan as vías do paso de ferro tradicional, non queda sequera a posibilidade de conectar as localidades que han quedar incomunicadas", indica.

Unha liña de 109 anos

Os veciños de Portas saben que a liña de proximidade actual que os mantén conectados cos núcleos urbanos como A Coruña, Compostela, Pontevedra ou Vigo ten os días contados, e son tamén conscientes de que nin o ministerio de Fomento nin a Xunta prevén unha alternativa. A xente síntese traizoada e doída, e pelexan por manter as vías, de xeito que non desapareza definitivamente e para sempre a posibilidade de que nun futuro alguén (unha empresa privada, por exemplo), coloque un tren enriba delas e volva a funcionar unha liña que agora mesmo ten 109 anos de antigüidade.

De noite e ás agachadas

“É o máis baixo e vergoñento que lle pode pasar a un pobo”. Así explica Fernando Gómez o sentimento dos habitantes de Porta cando os operarios da empresa encargada de levantar as vías chegaron de noite e ás agachadas, coma se fosen delincuentes, a quitarlles a única posibilidade real que poden manter para evitar quedar incomunicados.

Por todo isto, o rexedor de Portas, Roberto Vázquez, tras varios intentos de establecer un diálogo coa administración para evitar a desaparición da liña, quéixase de que “neste país non existe democracia ningunha” e decidiu convocar un corte de vía o pasado sábado 19 como medida máis contundente.

Patrullas de vixilancia

O alcalde da localidade asegura que presentará unha denuncia xudicial contra a empresa que desmantela a vía do tren ao seu paso polo municipio, así como contra a entidade da cal partiu a orde, porque os traballos para levantar o paso de ferro se fixeron “facendo un ruído tremendo que non deixou durmir aos veciños”.

Ademais, o colectivo de afectados anunciou que organizará "patrullas nocturnas" para impedir o levantamento das vías nunha acción "espontánea e improvisada" na que participarán os veciños que o desexen.

O subdelegado do goberno español en Pontevedra Delfín Fernández, prevé sancións para algúns dos 150 veciños que se concentraron o pasado sábado para reclamar ao Ministerio de Fomento un servizo de proximidades, e explicou que "hai unhas persoas que son impulsoras, promotores dunha concentración ilegal e cando chegue o informe da Garda Civil nomearase un instrutor de expediente e verase a infracción correspondente". Non obstante, incidiu en que “se prevén sancións en virtude da infracción cometida, sexa o alcalde ou sexa calquera outra persoa”.

Fomento non dá alternativas

O rexedor Roberto Vázquez, consciente das consecuencias do corte de liña, expresou o seu "respecto" pola decisión do subdelegado de impoñer as sancións que establece a lei para algúns dos promotores e participantes na protesta do sábado, mais explicou que no momento en que algúns veciños se situaron sobre a vía, "o tren estaba parado, non se impediu a súa circulación e os veciños só se puxeron diante".

Tanto o rexedor de Portas como o coordinador da Plataforma 'Salva ao Tren', Fernando Gómez, cualificaron de "roubo" a acción das máquinas e os operarios asignados para iniciar o desmantelamento dos raís. Gómez insistiu en que todas as accións promovidas dende a organización "estiveron sempre dentro da lei e nunca foron violentas". O coordinador da Plataforma xustificou a intensificación das medidas de presión "obrigados polo goberno español, que non dá alternativas nin hai talante para dialogar cos veciños e cando che veñen a roubar diante de casa, non queda máis remedio que se defender".

“Sen liña de proximidade, todos dependemos do coche. Maiores, rapaces, estudantes universitarios, traballadores, todos en coche, encherán cada mañá as estradas, aumentando o caos circulatorio, a sinistralidade, a emisión de CO2 e o gasto en combustible”. Fernando Gómez explica así o futuro das localidades do eixo atlántico que han quedar desconectadas. “ O pobo queda abandonado, sen dereito a reaccionar e non o escoitan. Que agora o subdelegado [Delfín Vázquez] diga que nos vai multar, parécenos moi ben, que multe o que faga falta”.

As contías das sancións oscilan dende os 300 ata os 3.000 euros, que determinará o instrutor do expediente.


5/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: