Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
35ª MOVILIZACIÓN EN DOUS ANOS

'Salva o Tren' escenifica a morte do servizo de proximidade

Presentan no xulgado o terceiro contencioso para recorrer as multas a participantes en manifestacións.

Redacción - 18:56 30/10/2009
A Plataforma "Salva o Tren" defenden un servizo de proximidade

A Plataforma "Salva o Tren" defenden un servizo de proximidade

A plataforma "Salva o Tren" convocou para este sábado unha manifestación perante o Parlamento para escenificar a morte deste servizo de proximidade. O colectivo, que tomou esta decisión despois dunha entrevista que mantivo co Ministerio de Fomento, considera urxente esta mobilización, coa que novamente denuncian a desaparición das estacións intermedias ao tempo que se poñen en marcha novos tramos do AVE.

Exixen que non se estreite o Eixe Atlántico de Alta Velocidade até que Fomento acceda a poñer en funcionamento a infraestrutura do tren de proximidade dun xeito independente, así como a creación dun ente ferroviario propio. Ademais, piden á Xunta que nomee un equipo de expertos que realice un estudo de mobilidade interna en Galiza, no que se integre o tren de proximidade, o autobús, o transporte de ría ou o metro lixeiro.

A concentración constará de dúas partes: na primeira escenificarase a morte do tren, representando como os políticos utilizan o verdugo do AVE para executar a sentencia de Fomento e matar o tren de proximidade. A continuación, recolleranse donativos na rúa para sufragar o custe dos avogados e demais gastos do colectivo.

Terceiro contencioso
Precisamente, a plataforma acaba de presentar nos xulgados da Parda (Pontevedra) un novo contencioso, e xa van tres, para recorrer as multas impostas pola Subdelegación do goberno español contra integrantes deste colectivo que participaron en anteriores mobilizacións. A portavoz, Lucía Latorre, asegurou que "son sancións inxustas" e asegurou que volven recorrer "para facer valer a democracia", se ben asegurou que "é máis custoso manter este contencioso que pagar as multas".

As sancións impostas até hoxe a integrantes desta plataforma xa chegaron a sumar os tres mil euros. Con todo, unha das multas, de 500 euros, imposta á propia Lucia Latorre por participar nunha mobilización en Portas pagouse con máis de dez quilos de moedas que se recolleron tamén entre a cidadanía. "Volveremos pedir esmola", dixo Latorre, "para recadar máis cartos, que nos permitan afrontar gastos, porque a plataforma non dispón de medios".


5/5 (7 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: