Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Dúas ducias de proxectos en todo o Estado

Mentres Galiza debate o atraso do TAV o metro gaña prioridade fóra do país

Centos de quilómetros de metro e tranvías están en servizo, construción ou en proxecto a nivel estatal e en áreas urbanas ben máis cativas que as galegas.

R. Noguerol - 13:25 16/01/2009

"Un metro lixeiro que dea servizo á área metropolitana da Coruña é totalmente factíbel", apuntaba hai poucos meses Margarita Novales, membro do comité organizador do congreso internacional que sobre enxeñaría do transporte se celebrou na cidade herculina este verán. A experta propoñía por exemplo aproveitar a vía férrea que, partindo da propia praza de Ourense na cidade chega até Betanzos.

O aproveitamento posíbel das vías existentes é do mesmo xeito argumento reiterado do colectivo Salva o Tren, que leva meses insistindo no potencial destas liñas como base para o despregue dun servizo de proximidade. Paradoxalmente, e tal e como denuncia esta plataforma de colectivos sociais, durante o último ano Fomento continuou non só suprimindo os servizos ferroviarios que tocaban diversas localidades do país, senón mesmo levantando as vías ao mesmo tempo que despregaba o Tren de Alta Velocidade (TAV). Segundo o cálculo deste grupo, son máis de cen mil veciños que até hai pouco tiñan servizo de tren a pé dos fogares os que xa non dispoñen dese transporte, e moitos milleiros máis poderán perdelos en breve.

A rendibilidade social e económica do despregue dun "verdadeiro servizo de ferrocarril de proximidade" é tamén unha reivindicación prioritaria na axenda dos grupos ecoloxistas. Así por exemplo, desde a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (Adega) subliñan a comparativa posíbel con áreas metropolitanas do resto do Estado máis pequenas que as do noso país e ás que se lles forneceu dese servizo de proximidade. Salientan desde Adega que os eixos Ferrol-A Coruña e Pontevedra-Vigo, con volumes de poboación no contorno das 600 mil persoas, son exemplo ideal para a aplicación de servizos de metro e proximidade. No mesmo sentido se pronuncia a asociación Verdegaia, que resume a idea de sustentabilidade na idea de que "un tren pode transportar o mesmo número de pasaxeiros ca unha autoestrada de seis carrís ocupando unha décima parte do territorio".

Asunto fóra das prioridades do debate político
Coa lea de datas posíbeis para a chegada do TAV acaparando os titulares, a demanda de servizos ferroviarios de proximidade queda fóra do primeiro plano tamén á porta desta campaña electoral. A aposta polas liñas de metro lixeiro nos contornos de Vigo e A Coruña aparecía aínda hai ano e medio entre as iniciativas "en estudio" que aseguraba manexar a Consellaría de Política Territorial.

En conversa con Vieiros, representantes dos tres grupos parlamentarios admitían a importancia do tema e mesmo a posibilidade de chegaren a un consenso ao respecto do impulso do tren de proximidade en Galiza. Con todo, a precampaña freou calquera proxecto concreto ao respecto e haberá que esperar ao debate e publicación dos programas das formacións políticas para determinar o peso que cada unha delas lle outorga na práctica a este tema. Ao fío, o PpdeG aproveita para zoupar contra Fomento e critica que Andalucía, de onde procede a ministra, contará neste exercicio con máis de mil millóns de euros para liñas de proximidade, mentres en Galiza "pecha estacións e levanta vías".

Centos de quilómetros en todo o Estado
No conxunto do Estado están en funcionamento liñas de metro lixeiro en Barcelona, Bilbao, Vitoria Madrid, Alicante, Tenerife e Valencia. Ademais, existen liñas de tranvía en construción en Cadiz, Granada, Málaga, Murcia e Sevilla. A maiores, e segundo detalla no seu último número a revista sobre o mundo ferroviario Vías Libres, hai proxectos aprobados para a introdución a curto prazo de tranvías en Almería, Córdoba, Gijón, Huelva, Jerez de la Frontera, Murcia, Santander, Segovia, Toledo e Zaragoza.

O eixo ferroviario de proximidade Santander-Torrelavega-Reinosa (450 mil habitantes) é apuntado polos ecoloxistas galegos como exemplo de área máis reducida que as principais áreas metropolitanos galegos. Ademais, en Santander as administracións proxectan o despregue de cinco liñas de metro lixeiro, deseñadas non só para o actual contorno urbano senón mesmo para os futuros desenvolvementos urbanísticos da cidade. Tamén ducias de quilómetros de tranvía mellorarán o transporte de Murcia despois da aprobación dun proxecto por valor de 202 millóns de euros que dará servizo a 430 mil persoas. A zona metropolitanna Murcia-Lorca-Águilas xa era obxecto de investimento por parte de Fomento en materia ferroviaria de proximidade.


5/5 (11 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: