Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
“sen avisar” e “ao mando da patronal”

Denuncian a actuación dos antidisturbios na folga do Metal

O subdelegado do goberno español en Pontevedra xustificou a actuación policial. Os sindicatos recalcan que a imaxe que se está a dar do conflito está deturpada.

A. Rodríguez - 19:30 04/06/2009
Sobre o céspede, ducias de botes de fume e pelotas de goma que foros disparados polos antidisturbios na zona de Beiramar / Imaxe: Zélia Garcia

Sobre o céspede, ducias de botes de fume e pelotas de goma que foros disparados polos antidisturbios na zona de Beiramar / Imaxe: Zélia Garcia

A situación que se está a vivir en Vigo, durante os días de paro de parte dos traballadores do sector do metal, é ben distinta da que se amosa nos medios de comunicación. Isto é o que pensan os principais sindicatos convocantes da folga -CIG, UXT e CCOO-, que recalcan que non se trata máis que da visibilización dunhas "reivindicacións lexítimas", moitas deles históricas, dun sector moi dinámico e con moita forza sindical.

"Porén, aínda que só é iso, un conflito laboral que chega á rúa, os medios de comunicación adoitan reflectir unha imaxe de nós na que o de menos é se as nosas reivindicacións son xustas ou non; senón que procuran a foto do enfrontamento coa policía, se o hai", recalca o responsábel de Metal da CIG, Miguel Anxo Malvido.

"Desproporcionada" actuación policial
Aínda que esta cuarta feira tamén houbo cargas, e por volta dunha decena de feridos, na quinta o enfrontamento entre policía e traballadores fíxose máis duro, e os feridos foron máis de 20. Os sindicatos e tamén o Movemento polos Dereitos Civís (MpDC) denunciaron o "desproporcionado" da actuación dos antidisturbios.

Segundo lle contou a Vieiros Renato Núñez, o MpDC ten intención de presentar unha queixa ante a subdelegación do goberno español, o Valedor do Pobo e o Defensor do Pobo, denunciando a actuación da policía neste conflito. "No caso de que non se abran investigacións, cousa que parece bastante probábel, imos denuncialo ante a xustiza, coa información que temos recollida", dixo Núñez, revelando que "os antidisturbios comezaron a cargar sen previo aviso, sen estaren motivados para evitar un perigo, só por disolver os manifestantes, e mesmo atacaron, nalgúns casos, cando xa estaban disoltos". "Foi unha actuación realmente desproporcionada, sobre todo sabendo da tensión que hai en Vigo estes días... puido darse mesmo a situación que se deu en Barcelona, onde houbo xente que perdeu a visión coas pelotas de goma", recalcou o voceiro do MpDC.

Polo seu lado, Malvido, da CIG, sinalou que dende o seu sindicato achan que a actuación da policía foi motivada "por unha chamada dos empresarios" e do "subdelegado do goberno español en Pontevedra", nun "intento claro de tentar desviar a atención dun conflito laboral, para convertelo nun enfrontamento entre a policía e os traballadores".

O subdelegado do goberno español en Pontevedra xustifica as cargas
O Subdelegado do goberno español en Pontevedra, Delfín Fernández, defendeu a actuación da policial desta quinta feira, en Vigo, sinalando que os axentes estaban "a cumprir a súa misión constitucional" de "garantir os dereitos e liberdades, e protexer a liberdade cidadá". Nesta liña dixo que "hai momentos nos que hai colisión de dereitos, e é daquela cando hai que intervir para velar por que se respectan os dereitos duns e doutros, dentro do posíbel".

Así, Delfín Fernández tamén considerou "axeitadas" as cargas dos antidisturbios, e "proporcionadas aos feitos protagonizados polos folguistas". Nesta liña falou do incidente no que se viu involucrado un cámara da cadea de televisión madrileña Telecinco, que resultou ferido ao estourarlle un petardo nunha perna.

O Sindicato de Xornalistas denuncia a actuación de policía e traballadores
Do mesmo cámara de Telecinco falou Vieiros con Malvido, da CIG, quen sinalou que moitas veces, ao estaren os medios no foco do conflito, entre uns e outros, acaban "por desgraza", sendo obxecto dalgunha agresión. "Se se está nunha zona conflitiva, normalmente acabas levando, moitas veces por erro", sinalou Malvido, indicando que non houbo ningunha intencionalidade no acontecido.

Porén, non opinan así dende o Sindicato de Xornalistas de Galiza (SXG), cuxos responsábeis denunciaron "a actitude violenta de individuos incontrolados que, durante as protestas do metal en Vigo, lanzaron artefactos e foguetes contra os traballadores dos medios de comunicación". Ademais de condenar a actitude destes operarios, aos que sinalaron coma "unha minoría que apunta os xornalistas", dende o SXG tamén se solidarizaron cos obreiros do metal en folga e criticaron as actuacións da policía que, segundo os membros deste sindicato, foron "erráticas" e mesmo "provocativas".

É tan complicado o que piden os sindicatos? Que hai da mediación da Xunta?
Esta semana, cuarta e quinta feira, desenvolvéronse as xornadas quinta e sexta da folga non consecutiva que os traballadores do sector do metal están a desenvolver para conseguir que a patronal de Pontevedra acceda nos seus pedimentos, para mudar certos puntos do convenio provincial.

Nunhas xuntanzas nas que se habían tratar varios puntos do texto que rexe as relacións laborais entre traballadores e empresarios do metal -coma as baixas, as vacacións, as licenzas de tóxico, penoso e perigoso, as pagas de produtividade... e outras carencias-, terminaron por tratarse só tres, ao cederen os sindicatos aos rogos da patronal, que apelou ao contexto de crise para mudar as conversas. Finalmente, na mesa sentaron uns e outros para tratar da vixencia do convenio, as xornadas laborais e o salario. No primeiro e último punto comezaron os desencontros. Os empresarios din que non lles poden ofrecer aos sindicatos as subas que piden en relación ao IPC, porque as súas empresas irían a creba. Os sindicatos pensan que esta suba si é factíbel; outras actuacións, como os "abusivos intereses" que se lles pagan aos bancos, son sinaladas polos sindicalistas coma "problemas reais", que afectan os activos das empresas do sector.

Aínda que nas conversas, encetadas a finais do mes de maio, e paralizadas a comezos desta semana, entrou a mediar a Xunta, dende os sindicatos denuncian unha indiferenza por parte do Goberno en todo este conflito. "Iso de que a Xunta está mediando é relativo, xa que só viñeron ás conversas tres inspectores da delegación de Traballo, dependente da administración do Estado Español, e o presidente do Consello Galego de Relacións Laborais que, por certo, foi escollido, mediante consenso, pola patronal e os sindicatos, non polo Goberno", sinalou Malvido, quen reclamou unha verdadeira mediación ou implicación da Xunta: "É bastante evidente que, tal como están as cousas, é imposíbel que a Administración siga tapando os ollos e os oídos".

As negociacións poderían desbloquearse ben esta sexta feira, día 5 de xuño, ou ben a comezos da vindeira semana.

Os empresarios da Ría de Vigo din que co paro vanse ver abocados a pechar
Polo seu lado, os empresarios volveron recorrer ás cifras, sinalando que nestes días de paro, o sector deixa de facturar 15 millóns de euros. Nesta liña, lembraron que a vindeira sexta feira, día 5 de xuño, han retirar a súa última oferta da mesa de negociacións.

Polo seu lado, o representante da patronal do sector do Metal, Enrique Mallón, sinalou que os sindicatos "deberían explicarlles aos obreiros de onde van sacar os cartos que están deixando de gañar estes días", e advertiu que este paro está a lle facer moito dano aos estaleiros da Ría de Vigo, dicindo que moitos deles "poderían verse obrigados a pechar".

As noticias desta semana

Quinta feira:

Cuarta feira:


5/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Vídeo, elaborado pol@s compañeir@s de GzVídeos (03/06/2009)

Imaxes da quinta xornada de paro (03/06/2009) do Metal en Vigo

Os operarios do metal, a primeira hora da mañá desta quinta feira, ocupando a Estación Marítima de Vigo / Imaxe: Zélia Garcia
Os operarios do metal, a primeira hora da mañá desta quinta feira, ocupando a Estación Marítima de Vigo / Imaxe: Zélia Garcia
Erguendo as mans, ao saír da Estación Marítima. Pouco despois comezaron as primeiras cargas / Imaxe: Zélia Garcia
Erguendo as mans, ao saír da Estación Marítima. Pouco despois comezaron as primeiras cargas / Imaxe: Zélia Garcia
Un dos feridos, fronte á Estación Marítima, polo lanzamento de pelotas de goma. Ao final da xornada serían uns 20 / Imaxe: Z. G.
Un dos feridos, fronte á Estación Marítima, polo lanzamento de pelotas de goma. Ao final da xornada serían uns 20 / Imaxe: Z. G.
Os enfrontamentos sucedéronse no centro da cidade / Imaxe: Zélia Garcia (clique para ampliar)
Os enfrontamentos sucedéronse no centro da cidade / Imaxe: Zélia Garcia (clique para ampliar)
Os operarios fuxindo da Praza do Rei, onde habían desenvolver unha asemblea, ante a irrupción dos antidisturbios / Imaxe: Z. G.
Os operarios fuxindo da Praza do Rei, onde habían desenvolver unha asemblea, ante a irrupción dos antidisturbios / Imaxe: Z. G.
Facendo unha barricada na zona de Barreras, onde se trasladaron os operarios, seguidos pola policía / Imaxe: Zélia Garcia
Facendo unha barricada na zona de Barreras, onde se trasladaron os operarios, seguidos pola policía / Imaxe: Zélia Garcia
Amosando un cartuchos de gas lacrimóxeno lanzados pola policía / Imaxe: Zélia Garcia
Amosando un cartuchos de gas lacrimóxeno lanzados pola policía / Imaxe: Zélia Garcia