Os traballadores atravesaron unha barreira colocada polos axentes diante da Estación Marítima, e principiaron os incidentes. Logo trasladáronse á Praza do Rei, e finalmente ao contorno de Barreras, onde foron arrodeados polos antidisturbios.
Imaxe do momento no que a policía comezaba a cargar na Praza América, esta cuarta feira / Imaxe: Zélia Garcia
13h00: Os antidisturbios retíranse, e os operarios reúnense en asemblea
Por volta das 12h15, os antidisturbios que se mantiñan no contorno do estaleiro de Barreras, fóronse retirando. Os operarios concentráronse, daquela, en Beiramar, e foise recuperando a normalidade na zona. Porén, quedaron as pegadas dos enfrontamentos, como as barricadas armadas polos traballadores, os parafusos guindados dende o estaleiro ou as pelotas de goma lanzadas polos antidisturbios.
Arestora, os obreiros prepáranse para unha asemblea, na que se avaliará a sexta xornada de paro, e decidirase como enfrontarse aos días de folga programados para a vindeira semana. A partir da vindeira cuarta feira, os obreiros volverán parar, e continuarán en folga até a sexta, día no que se declarará un paro indefinido. Está previsto que se unan a este paro, a partir da sexta feira, todas aquelas empresas do sector do Metal que funcionan con convenio propio, coma os grandes estaleiros, PSA Peugeot-Citröen e algunhas empresas auxiliares da automoción, entre outras.
Finalmente o balance de feridos quedou en 10 policías -segundo a subdelegación do goberno español-; e polo menos 20 feridos, por parte dos traballadores do metal; e un cámara da cadea de televisión madrileña Telecinco. Que se saiba, non houbo ningún detido.
Os empresarios advirten que os estaleiros de Vigo poderían pechar
O representante da patronal do sector do Metal, Enrique Mallón, sinalou esta quinta feira que os sindicatos "deberían explicarlles aos obreiros de onde van sacar os cartos que están deixando de gañar estes días". Mallón tamén advertiu que este paro está a lle facer moito dano aos estaleiros de Vigo, dicindo que moitos deles "poderían verse obrigados a pechar". Os empresarios cifraron en 15 millóns de euros as perdas provocadas por estes días de paro, e lembraron que a partir desta sexta feira retirarán a súa oferta para a reforma do convenio.
12h00: Os traballadores refúxianse en Barreras, ocupan un centro comercial e a zona de Peritos
Os enfrontamentos entre operarios do metal e antidisturbios continúan no contorno do estaleiro de Barreras, na zona de Beiramar. Tal e como aconteceu esta cuarta feira, os traballadores refuxiáronse no estaleiro, dende onde responden ás pelotas de goma lanzadas pola policía, con parafusos, pedras e petardos. A media mañá xa hai varios feidos, entre eles, segundo informarona na Radio Galega, un cámara da cadea madrileño Telecinco, que foi alcanzado por un petardo.
Todo o contorno de Barreras está controlado polos antidisturbios, que se sitúan na rotonda de Beiramar. Porén, hai grupos de obreiros ocupando o centro comercial de Toys'R'us, e outros na zona de Peritos. O tránsito está cortado en toda a zona, así como nas Rúa Coruña e algúns accesos á Praza América, onde se sitúan outros grupos de obreiros do metal.
11h00: Os operarios tentan ocupar a Casa do Concello
Os traballadores trasladáronse de Beiramar á Praza do Rei, onde se atopa a Casa do Concello, que tentaban ocupar. Porén, no Concello de Vigo xa estaban en sobreaviso, polo que as portas do predio permanecían fechadas dende as 08h30 da mañá.
Na mesma praza continuaron os enfrontamentos coa policía, lanzando os axentes pelotas de goma; e os traballadores pedras, obxectos das obras e parafusos. Houbo, polo menos, un ferido nestas cargas: un operario que recibiu un impacto dunha pelota de goma na cabeza, e que foi trasladado a Povisa. Tamén se queimaron varios contedores.
Un grupo de traballadores dirixíanse cara Camelias, mentres outros se dispersaban por outras zonas da cidade, seguidos polos axentes da policía española. Arestora, continúa a tensión nas rúas do centro de Vigo.
10h25: Os traballadores ocupan a Estación Marítima
Após os incidentes rexistrados esta cuarta feira, os obreiros do metal organizáronse para saír en manifestación, de novo, na quinta. Saían de mañá do estaleiro Barreras, en Beiramar, e camiñaban cara o centro, cando se atoparon cunha barreira formada pola policía española entre a Estación Marítima e o Hotel Bahia.
Nesta zona comezaron, por volta das 10h00, os enfrontamentos coa policía, ao tentaren os operarios atravesar a barreira. Os axentes lanzaron pelotas de goma, mentres os operarios continuaban o seu camiño.
Por volta das 10h15, os traballadores entraron na Estación Marítima, e ocupárona, impedíndolle a saída a 12 autobuses cargados con pasaxeiros dun cruceiro que está atracado no porto de Vigo. Ás portas xuntáronse por volta dun cento de axentes da policía, e varias grilleiras. Con eles os representantes dos sindicatos -Antolín Alcántara, pola CIG; e Ramón Sarmiento, por CCOO- negociaron, indicándolles a súa intención de permanecer na Estación Marítima, e evitar un desaloxo forzado. Finalmente, por volta das 10h20, os traballadores foron abandonando o seu peche, berrando, entre outros lemas "Solución convenio do metal!".
Por outro lado, dende o Concello de Vigo pedíronlle á Xunta que actúe con dilixencia na mediación entre os sindicatos do Metal e a patronal. O voceiro PSdeG e presidente da Mesa de Contratación de Vigo, Carlos López Font demandou unha axuda real do Goberno, e pediulle ás partes que vaian limando os seus desencontros.
As noticias desta cuarta feira:
Vídeo, elaborado pol@s compañeir@s de GzVídeos (03/06/2009)
Imaxes da quinta xornada de paro (03/06/2009) do Metal en Vigo