Un deles, delegado de CCOO, está aínda hospitalizado no Meixoeiro. Os sindicatos falan dunha folga indefinida, que se estendería a todas as empresas do sector para a semana que vén.
Por volta das 15h00 terminou a última asemblea de traballadores e sindicatos no estaleiro de Barreras, en Vigo. Poucos minutos antes, operarios e policía española enfrontábanse ás portas do predio, lanzando, os primeiros, parafusos; e os segundos, pelotas de goma; nun altercado que comezaba perto das 13h00 na Praza de América, onde os operarios se concentraran pacificamente, e que se foi trasladando até a Avenida de Beiramar.
Os traballadores viñan de participar na primeira asemblea do día, na Praza do Rei. Antes, cortaran o tráfico, intermitentemente, en varios puntos da cidade, de camiño entre os seus postos de traballo e o lugar da asemblea. Finalmente houbo un balance de oito feridos, catro operarios; segundo os sindicatos; e catro policías, segundo a subdelegación do goberno español.
Desta volta, e segundo lle contou a Vieiros o responsábel do Metal de CCOO, Ramón Sarmiento, a carga da policía foi "máis dura do habitual" e "sen mediar previo aviso". "Comezaron a cargar en Praza América, habendo polo medio, ademais dos compañeiros, viandantes, xente dentro dos automóbiles e mesmo nenos. Todo empezou cunha actuación bastante provocadora por parte da policía", sinalou Sarmiento.
Folga indefinida a partir da vindeira cuarta feira
Na asemblea de traballadores e sindicatos acordouse convocar tres días de paro para a vindeira semana, a partir da cuarta feira día 10 de xuño e até a sexta día 12. Nesta última xornada, a folga pasaría a ser indefinida. É previsíbel, ademais, que a sexta feira se unan ao paro todas aquelas empresas do sector do Metal que funcionan con convenio propio, coma os grandes estaleiros, PSA Peugeot Citröen e algunhas empresas auxiliares da automoción, entre outras
Segundo dixo o responsábel da CIG-Metal, Miguel Anxo Malvido na asemblea, os paros irán mudando "segundo nos conveña, de tal xeito que un día convocaremos, e ao outro desconvocaremos, para darlles onde máis lles doa, para que sintan a presión dos traballadores que loitan por un convenio xusto". Pola súa parte, o voceiro de UXT, Diego Atanes, destacou a actitude "radical" dos empresarios, ao tempo que lamentou que a mediación realizada pola Xunta "non foi capaz de facer presión", para que a patronal abandonase o seu "discurso rancio".
O paro continuará até que a patronal acepte as reivindicacións dos tres sindicatos que están presentes nas negociacións (UXT, CCOO e CIG), mais os posicionamentos de cada unha das partes está moi distanciados.
Negociacións distanciadas ante a postura "inamovíbel da patronal"
A pasada semana a Xunta decidía suspender "de xeito temporal" a mediación que comezara entre sindicatos e patronal do Metal, mais sinalando que as negociacións "non estaban rotas". Esta semana houbo unha outra xuntanza, segundo indicou Ramón Sarmiento, entre voceiros de cada unha das partes e tamén do Goberno, que lles anunciara aos representantes dos traballadores un cambio nos interlocutores. Porén, segundo dixo Sarmiento, "a patronal segue parecendo un disco raiado".
"Non mudan o seu discurso, e mentres nós fomos cedendo nas nosas reivindicacións -ao comezo tiñamos 48 pedimentos que eran ben lexítimos, e algúns deles históricos, que fomos aparcando, para falar só de dúas cousas-; eles din que a última oferta que puxeron na mesa -dous anos de validez do convenio, e un incremento salarial por baixo do IPC real- é a que vale, e que se non a collemos, desaparece", recalcou Sarmiento.
Tampouco lle valen a Sarmiento as escusas dos empresarios, que din que debido á crise non poden manter os incrementos salariais que exixen os traballadores, xa que "aínda que a situación económica é complicada, non o é tanto para ceder a un incremento que é factíbel. Hai outras cousas que si supoñen un custo importante para a patronal que aínda non se discutiron, como os intereses que lles pagan aos bancos polos créditos, ou o exceso de garantías que lles piden", sinalou o responsábel de CCOO, lembrando que os sindicatos tíñanlle ofrecido, máis dunha vez, aos empresarios "facer fronte común" para evitar os abusos dos bancos. "Mais semella que a eles -as entidades bancarias- non teñen inconveniente ningún en pagarlles", subliñou.
Esta quinta feira de mañá están organizados novos actos de protesta no que sería a sexta xornada de paro do sector.
Outras informacións da quinta xornada de folga do metal en Vigo: