Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Euskadi

Edición xestionada por Vieiros
RSS de Euskadi
O PP PODERÍA PRESIDIR O PARLAMENTO

O PNV rexeita participar na rolda de contactos do PSE

O partido de Patxi López comeza este mércores as negociacións coa intención de acadar os apoios necesarios para chegar á lehendakaritza.

Redacción - 14:00 10/03/2009
Comisión negociadora do PSE, na súa visita á sede do PNV

Comisión negociadora do PSE, na súa visita á sede do PNV

O PSE comezará este mércores a rolda de negociacións coa vontade de acadar os apoios que lle permitan converter a Patxi López no vindeiro lehendakari. Nesta rolda de contactos participarán todos os partidos que acadaron representación parlamentaria nas últimas eleccións menos o PNV que, segundo se afirma na páxina do PSE, rexeitou participar na rolda organizada polos "socialistas".

As conversas comezan este mércores coa chegada á sede do PSE en Bilbo de EA, EB e Aralar ás 11.30, 13.00 e 17.00 horas respectivamente. O xoves tócalle ao PP, a partir das 11.00 horas; e o venres, dende as 12.00, pecharase a rolda de contactos coa visita dos responsábeis de UPyD. A comisión negociadora do PSE-EE PSOE formarana o presidente da delegación vasca do partido, Jesús Eguigure; o secretario de organización, Rodolfo Ares; e os secretarios xerais das tres provincias vascas.

López abre a posibilidade de que o PP presida o parlamento
O candidato do PSE á lehendakaritza, Patxi López, fixo unhas declaracións a Onda Cero nas que admitiu que a Presidencia do Parlamento Vasco podería ser "unha das pezas de acordo co PP", deixando aberta a posibilidade de que sexa o partido liderado por Antonio Basagoiti o que sustente esta responsabilidade.

López avisou, antes do comezo da súa rolda de contactos, de que agora pretenden "acreditar os nosos 25 parlamentarios, seguramente a vindeira semana, e dende entón, deixar que corran os prazos para elixir ao lehendakari". O líder dos "socialistas" vascos agarda que este proceso finalice nun prazo "de menos de dous meses".

O PNV mantense á espera
En declaracións feitas este martes á emisora Herri Irratia Loyola Media Iñigo Urkullu afirmou que ao seu partido só lle queda agora agardar a resposta por parte de PP e PSE ao "ofrecemento de acordo de estabilidade" realizado polo PNV na última semana. O presidente do EBB do PNV non renunciou a que o seu partido "poida presentar a súa candidatura coa idea de sacala adiante", mais supeditou esta posibilidade aos "posicionamentos dos partidos" e, en definitiva, ao apoio que reciba Patxi López.


5/5 (1 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: