Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Euskadi

Edición xestionada por Vieiros
RSS de Euskadi
RESULTADOS MOI APERTADOS

O PNV gaña unhas eleccións que poden converter a López en lehendakari

As declaracións posteriores á fin do escrutinio fan pensar que, por primeira vez na historia, Euskadi pode saír destes comicios cun goberno dirixido por un partido non nacionalista.

Pablo García Martínez - 02:00 02/03/2009

O reconto dos votos en Euskadi déixanos uns resultados moi diferentes aos que prognosticaban as primeiras enquisas, de finais do 2008, nas que se falaba dun empate técnico entre PNV e PSOE. O Partido Nacionalista Vasco arrasou nestas eleccións, subindo até os 30 escanos, e o PSOE subeu seis escanos, ficando a unha distancia doutros tantos respecto ao partido de Ibarretxe. Despois está o PP, que lonxe do que prognosticaban as enquisas a pé de urna (a de Ipsos falaba ás 20.00 de entre nove e 10 escanos para os de Basagoiti) baixou só dous escanos e colocouse nos 13. Isto déixanos a PP e PSOE cunha suma de 37 escanos aos que podemos sumar o acadado por UPyD e temos como resultado unha hipotética maioría absoluta coa que os nacionalistas abandonarían o pazo de Ajuria Enea.

Ibarretxe acada uns bos resultados que poden converterse na súa carta de despedida

Juan José Ibarretxe conseguiu uns bos resultados, moi por encima das mellores previsións, acadando o 38,5% dos votos e sumando así 30 escanos. Con isto supera en oito a estimación dos escanos acadados no 2005 (daquela altura presentábanse con EA e estímase que 22 dos 29 escanos acadados correspondían ao PNV). Ibarretxe apareceu no local elixido polo PNV para valorar os datos electorais e agradeceu o apoio recollido nas urnas. O lehendakari vasco dixo que "imos sacar adiante este país co liderado do PNV" explicando o papel do seu partido no vindeiro goberno vasco: "imos lideralo, co apoio dos outros, mais imos lideralo". Nunha clara declaración de intencións despediuse aseverando por tres veces a mesma consigna: "confianza, confianza, confianza".

López sae das eleccións como principal candidato a lehendakari
Na súas primeiras declaracións Patxi López dixo sentirse "lexitimado para liderar o cambio" e falou de "recabar os apoios necesarios" para ser o vindeiro presidente do parlamento vasco. Estas declaracións tomaron especial valor cando o vicesecretario de organización da súa organización, José Blanco, afirmou que "apoiamos e apoiaremos as decisións que tome o PSE no futuro", deixando nas mans de López a decisión de tentar ser investido como lehendakari co apoio de PP e UPyD.

PP e UPyD, dispostos a botar a Ibarretxe de Ajuria Enea
Ao coñecer os datos deixados polo escrutinio, Inacio Basagoiti deixou aberta a posibilidade de apoiar a investidura de Patxi López como lehendakari, afirmando que "eu quería cambio e, aínda que recoñezo a vitoria do PNV, sigo querendo cambio". Ao falar dun posíbel acordo para apoiar a López como lehendakari, Basagoiti afirmou que "os acordos teñen que ver sempre cos intereses das dúas partes, mais procuraremos un cambio que nos achegue maior liberdade".Rosa Díez tamén deixou aberta a posibilidade de que UPyD use o seu escano para apoiar a investidura de Patxi López e dixo que "apoiaremos un goberno constitucionalista", mais deixou entrever que non a calquera prezo cando engadiu que "non queremos un cheque en branco e non daremos un cheque en branco". Aínda así, é probábel que o PSOE non precise do voto de UPyD, xa que o previsíbel é que o voto emigrante devolva ao partido de Patxi López o deputado que lle limpou no último momento EA en Araba, e dese xeito PSOE e PP xa sumarían maioría absoluta.

Alto índice de voto nulo
As eleccións do día 1 de marzo deixan unha segunda lectura, unha "cara b" na que leemos que o 8,84% dos electores vascos votaron en contra, case un tres por cento máis dos que decidiron apoiar a Aralar para convertelos en terceira forza política. Isto supón que a esquerda abertzale, que pedira masivamente o voto nulo, conserva unha importante e fiel masa social en Euskadi.

EA e EB son os grandes perdedores destes comicios
A prensa vasca apurouse a falar de dous grandes derrotados nestes comicios, que foron Eusko Alkartasuna e Ezker Batua. Os primeiros decidiron separarse do PNV para presentarse en solitario e o resultado foi rotundamente negativo: dous deputados que, probablemente pasarán a ser un só. Isto é así porque gañaron por só 8 votos ao PSOE en Áraba na loita polo 25º deputado da provincia, e agora falta recortar aínda o voto emigrante que, previsiblemente, favorecerá ao PSOE. Ezker Batua, pola súa parte, baixou de catro a un escano.


5/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: