Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Euskadi

Edición xestionada por Vieiros
RSS de Euskadi
RECONTO EMOCIONANTE

As eleccións vascas, minuto a minuto

Vieiros seguiu de preto a evolución do escrutinio en Euskadi e as primeiras reaccións dos grandes protagonistas.

Pablo García Martínez - 23:35 01/03/2009

23.35: Ibarretxe: "Imos sacar adiante este país co liderado do PNV"
Juan José Ibarretxe amosouse ledo polos resultados do PNV que conseguiu 30 escanos, un máis que fai catro anos (naquela altura concorreu á votación con EA e acadaron 29 entre os dous, estimándose en 22 os que lle correspondían ao PNV). Ibarretxe comezou cunha reflexión cargada de retranca: "só os que teñen paz interior poden transmitir paz interior". Continuou felicitándose polos resultados e afirmou que "imos sacar adiante este país co liderado do PNV", engadindo que como partido máis votado "correspóndenos falar cos líderes dos outros partidos políticos".

23.20: Patxi López presenta a súa candidatura a lehendakari
Na súa primeira comparecencia despois de que rematara o reparto dos votos Patxi López falou de "éxito sen precedentes", engadindo que son os "mellores resultados nunhas eleccións autonómicas da súa historia". López fixo unha clara declaración de intencións ao dicir que se sente "lexitimado" para liderar os cambios e que non renuncia a "presentar a miña candidatura e recabar os apoios para ser o vindeiro lehendakari". Dende Madrid José Blanco deu carta blanca a López, ao afirmar que "apoiamos e apoiaremos as decisións que tome o PSE no futuro".

23.00: EA arrebatalle un escano ao PSOE no último momento

O PSOE recibiu un duro golpe no último tramo do reconto das eleccións vascas, perdendo en Araba un deputado que cambia para EA. Isto supón que o PSOE fica en 24 votos, a seis dos 30 cos que o PNV gaña claramente as eleccións. O PP sumaría 13; Aralar 4; EA 2; HB-B 1 e UPyD 1. O resultado final queda supeditado ao reconto do voto emigrante, xa que  o resultado final en Araba dependerá do voto emigrante porque a diferencia entre PSOE e EA no último deputado é de só 8 votos a favor de EA.

22.15 horas:
Co 97,28% do voto escrutado o PNV gañaría un novo escano, subindo até os 30, mentres que o partido prexudicado por este momento sería Ezker Batua, que quedaría con só un deputado. A esta hora compareceu Izaskun Bilbao, que se amosou contundente ao sentenciar que "o PNV é o gañador destas eleccións e como partido con máis número de escanos correspóndelle liderar o vindeiro goberno". Sobre o futuro do parlamento vasco dixo que "haberá que agardar a ver cales son os resultados das negociacións", en alusión á posibilidade de que Patxi López propoña ser presidente co apoio de PP e UPyD.

22.00 horas:
A falta de menos do 10% do escrutinio mantéñense os resultados do último reconto, consolidándose a posibilidade de que PSOE, PP e UpyD sumen máis de 38 escanos (39 neste momento) e voten a Patxi López como lehendakari se finalmente este decide postularse como candidato á xunta.

21.55 horas: Nas eleccións vascas a igualdade vaise manter até o final, e co 85,29% dos votos escrutados, o PNV gañaría con claridade as eleccións malia que o PSOE e o PP sumarían neste momento 38 deputados, polo que se abre a posibilidade de que Patxi López sexa lehendakari co apoio eventual do Partido Popular. Neste momento o PNV tería 29 escanos; o PSOE 25; o PP tería 13 ; Aralar 4; EB-B 2; EA 1; e UPyD 1.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: