As declaracións dos dirixentes nacionalistas foron protagonistas o día en que o PP pasou por Sabin Etxea para recalcar a súa vontade de apoiar a Patxi López.
Joseba Egibar
O presidente do PNV de Gipuzkoa, Joseba Egibar, foi o primeiro en falar da posibilidade dunha relación entre o PSE e Batasuna, afirmando que "teñen que existir" contactos entre ambas formacións. Egibar fixo estas declaracións nunha entrevista con Radio Euskadi en que chamou a atención sobre o silencio da esquerda abertzale nos últimos días e relacionouno afirmando que unha das principais "bazas políticas" dos socialistas para os vindeiros meses "será a exploración de vías de pacificación".
Estas declaracións foron secundadas polo presidente do partido, Iñigo Urkullu, que falou de "rumores de bastante fiabilidade" que farían referencia incluso a "chamadas do propio día das eleccións pola noite". Urkullu dixo isto nunhas declaracións a TVE nas que aproveitou para lembrar o "pacto tácito" entre PSE e PP na campaña electoral co claro obxectivo de "desprazar" ao PNV da lehendakaritza.
Zapatero nega os contactos con Batasuna
Cando o presidente do estado foi preguntado este luns sobre os posíbeis contactos entre o seu partido e os representantes dos sectores ilegalizados da esquerda abertzale Zapatero respondeu que iso lle parecía "absolutamente unha faladuría".
O PNV rematou a súa rolda de contactos cos partidos
Tamén este luns o PNV rematou a súa rolda de reunións cos diferentes partidos, recibindo en Sabin Etxea aos representantes do PP. Ao abandonar a sede do PNV, Antonio Basagoiti dixo que mantén a súa firme vontade de que Euskadi "se goberne doutro xeito", engadindo que a alternativa "non se chama Patxi López", senón "PSE máis PP".
Con esta xuntanza o PNV rematou a súa rolda de contacto cos diferentes partidos, sen acadar o apoio de PSE nin PP e sen acadar polo tanto os apoios necesarios para investir a Ibarretxe lehendakari. Agora semella probábel que nos próximos días unha xuntanza entre "socialistas" e "populares" permita albiscar o seguinte goberno, xa que os dous partidos reiteraron en varias ocasións a súa vontade de chegar a un acordo.