Os chamamentos de Galiza por Palestina terán lugar na Coruña, Ferrol, Vigo e Ourense o venres e en Ponteareas e Vigo o sábado.
Despois das concentracións desta semana en varias cidades do país para pedir a paz e a fin das agresións aos territorios ocupados por Israel, a agrupación Galiza por Palestina, en colaboración con moitos outros colectivos sociais do país, convoca seis accións máis previstas para este venres e sábado. De novo, servirán para amosar a repulsa colectiva pola "agresión militar sionista na Faixa de Gaza" e solidarizarse co pobo palestino.
As concentracións terán lugar ás 20:30 do venres no Obelisco da Coruña, diante do Edificio Administrativo da Xunta en Ferrol e diante do Marco en Vigo. Media hora antes, ás 20 horas, está convocada outra concentración en Ourense, perante a Subdelegación do Goberno Español.
A convocatoria faise extensiva a todos os concellos. Galiza por Palestina anima, ademais, toda a cidadanía a se concentrar ás 20:30 perante os consistorios nos lugares onde non haxa fixada unha acción análoga. O sábado 3 hai previstos outros actos pacíficos diante do concello de Ponteareas, ás 12 do mediodía, e ás 19:00 horas, de novo, no Marco, en Vigo. Tamén o sábado leranse poemas, en árabe e en galego, en Galiza e en Palestina.
Galiza por Palestina pide "deter os crimes dos israelís contra os palestinos", esixe "o fin da complicidade do goberno español e das institucións europeas cos asesinos, para poñer fin ao cinismo da mal chamada comunidade internacional", e solicita que toda a cidadanía se solidarice coa causa "pendurando bandeiras e panos palestinos nos seus balcóns" e que os asistentes ás concentracións leven candeas, bandeiras e zapatos.