Ducias de feridos e mortos nun ataque con mísiles que, segundo o goberno israelí, foi dirixido ás sedes dos corpos de seguridade de Hamás.
No medio do caos xerado polos ataques non hai aínda datos claros, malia que se fala de medio milleiro de feridos e máis de cen mortos. O lanzamento de vinte mísiles que o exército israelí fixo sobre a franxa de Gaza podería ser chanzo previo a unha operación militar por terra. O primeiro ministro Ehud Barak insinuou a posibilidade en declaracións públicas. Segundo Barak, o ataque tiña o obxectivo de eliminar "operativos terroristas de Hamás", entre outros, presuntos almacéns de armamento e campos de adestramento.
Desde a zona, achéganos crónica Moncho Iglesias:
A mañá do venres, varias tropas de Papá Noeis guindaban pedras, como agasallo de Nadal, a militares israelís. Isto ocorría durante as protestas semanais que se concentran, todos os venres, dende hai varios anos, na cidade cisxordana de Nil’in. Esa mesma mañá, dende a Franxa de Gaza, os Comités de Resistencia Popular manifestaban que secuestrarían unha soldada para que Gilad Xalit, o soldado que leva preto de 1000 días secuestrado, puidese formar unha familia. Do mesmo xeito, nos últimos días intensificáronse os lanzamentos de foguetes dende Gaza a Israel, acabando a tregua de seis meses e o que provocou que a resposta a estas intimidacións chegase a mañá do sábado.
Un ataque aéreo, que tiña por obxectivo eliminar varios complexos pertencentes a Hamas, acabou coa vida, cando menos, de 140 persoas e feriu 200. Nestes momentos, un fume negro recobre toda a Franxa de Gaza, tras unha das operacións militares máis duras nos últimos anos. Mentres, o presidente palestino Mahmoud Abbas pide calma, dende Cisxordania, á vez que en Gaza se chama a ataques que vinguen o masacre deste sábado que, tras os 30 mísiles lanzados nas últimas horas, aínda continúa.