Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
MAIOR CONCURSO DE ACREDORES DA HISTORIA

Martinsa-Fadesa propón comezar a pagar a súa débeda en 2010

O ofrecemento, que prevé eliminar a débeda de sete millóns de euros en oito anos, xa conta coa adhesión de Caja Madrid e La Caixa.

Redacción - 18:50 30/12/2008

A inmobiliaria Martinsa-Fadesa presentou este martes unha proposta de convenio de acredores no Xulgado Mercantil número un da Coruña. O seu ofrecemento é o de pagar a débeda íntegra en oito anos, que comezarían a contar no 2010, e xa conta co visto bo tanto de Caja Madrid como de La Caixa, que representan aproximadamente o 28% dos créditos que endebeda a empresa de Fernando Martín. Con todo, agárdase que nos vindeiros meses se sumen outras entidades, principalmente caixas de aforro, para chegaren á xunta de acredores cun apoio superior ao 50%, o requirido para que a proposta saia adiante e se evite a liquidación.

Este proxecto de convenio prevé que a inmobiliaria non pague débeda algunha até 2010 e, a partir daquela, abonarase en pagos anuais até mediados de 2017. O obxectivo da empresa é gañar marxe de tempo para obter tesourería e recursos cos que facer fronte aos pagos (principalmente a través da venda de activos: solos finalistas, promocións e terreos no exterior).

Trámites legais
Agora a proposta debe de ser admitida a trámite polo xuíz no prazo de cinco días hábiles. Despois, será estudada pola administración concursal quen, á súa vez, deberá pronunciarse noutros dez días. Logo, no caso de ser admitida a trámite, os acredores poderán sumarse á proposta e o convenio votarase en xunta. Ao mesmo tempo, o maxistrado xa abriu o prazo para presentar alegacións ao informe e á listaxe de acredores. Cando se resolvan as alegacións, a compañía deberá presentar unha nova proposta concursal, esta xa definitiva, coa que quedarán abertos dous camiños: ou ben o convenio e xunta de acredores ou ben a liquidación.

Máis de sete millóns de euros
Segundo o informe actual, Martinsa ten activos valorados nun total de 7.404 millóns e unha débeda doutros 7.005 millóns de euros. Con todo, o importe redúcese a uns seis mil millóns no caso de descontar préstamos a empresas filiais e créditos continxentes. A meirande parte desta cantidade procede de fondos bancarios e inclúe o préstamo que solicitou Martinsa en 2007 para mercar Fadesa.


Ligazóns

0/5 (0 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: