O seu presidente, Fernando Martín, considera que son "custes sociais elevados", que cómpre pagar debido á mala situación do sector.
O presidente de Martinsa-Fadesa, Fernando Martín, afirmou esta sexta feira que a inmobiliaria vai ter que "tomar medidas difíciles" que levarán aparellados "custes sociais elevados", debido, segundo dixo, á necesidade de "garantir" o futuro da compañía, nunha difícil conxuntura.
Martín revelou isto durante a Xunta de Accionistas da empresa, que se desenvolveu na Coruña (cidade onde ten a súa sede social, e onde foi creada por Manuel Jove), ao tempo que aseguraba que "a crise do sector é especialmente dura e as perspectivas a curto prazo non son optimistas", debido á "falta de liquidez, ás dificultades de atopar financiamento, á suba do euríbor e á elevada inflación", polo que prognosticou tres anos complicados.
Menos de 60 despidos, dos 200 traballadores que aínda fican
Antes de comezar a Xunta de Accionistas, Fernando Martín reuniuse co Comité de Empresa e informouno de que Martinsa-Fadesa ten un acordo co Goberno para que en Galiza o "proceso de regulación de emprego non supere os 60 postos de traballo", dos pouco máis de 200 que aínda quedan na Coruña.
De feito, moitos deles estiveron manifestándose diante do hotel no que se desenvolveu o encontro de Martín cos accionistas, esixindo que non haxa máis despedimentos na cidade.
Non vai haber negociación diferenciada para A Coruña
Na xuntanza co Comité de Empresa, Martín dixo que non vai haber unha mesa de negociación diferenciada para A Coruña no que se deu en chamar proceso de regulación de emprego, senón que se vai facer todo dende Madrid, e vai afectar a máis de 200 empregados dos 850 que fan parte do cadro de traballadores na actualidade.
Segundo o presidente de Martinsa-Fadesa, a compañía ten que "estreitarse" até que as condicións de mercado sexa máis favorábeis.