O comité de empresa asegura que isto non garante nada, xa que o volume de traballo que se mantén é "arbitrario e irregular".
Martinsa-Fadesa seguirá a situar a súa sede social na cidade da Coruña, e ademais manterá o "volume de traballo", segundo indicou a empresa trala reunión mantida entre o seu presidente, Fernando Martín, e o alcalde da localidade herculina, Javier Losada.
Porén, os voceiros da construtora non precisaron que tipo de actividades se van realizar en Galiza, onde actualmente conta con 205 empregados, tras desinchar o seu persoal en 207 postos de traballo a través de despidos ou propiciando os abandonos.
O comité non ve garantías de que non haxa máis despedimentos
O mantemento da sede social na cidade non é, para o comité de empresa, "unha garantía de nada" xa que "mantén un volume de traballo totalmente arbitrario e irregular", segundo indicou dende o sindicato Paulo Carril. O comité non valorou o encontro entre os dous dirixentes, xa que "se fose real, o contido anunciaríase aos empregados".
O alcalde coruñés solicitou a Fernando Martín que informe dos seus plans ao comité de empresa, mentres que o responsábel da construtora asegurou que tras conseguir o refinanciamento da débeda (de 5.153 millóns), o plan de negocio aínda non está rematado e polo tanto aínda non se tomou ningunha decisión, e que cando así se faga, será comunicada ao persoal.