En Vieiros xa estamos metidos de cheo no seguimento das nosas seleccións de fútbol.
Dende este espazo animamos aos nosos lectores a ir entrando en calor, partillando momentos vividos ao lado dos nosos, no curto período de vida que teñen as irmandiñas dende que debutara a masculina no ano 2005. Agardamos que nos faledes de sensacións, sentimentos ou impresións que seguen nítidas na vosa memoria agardando a ser evocadas para, entre todos, ir acendendo a paixón irmandiña que vai asolagar Riazor o día 27 e Pasarón o 28.
O 29 de Decembro do ano 2005 comezou en Compostela unha nova etapa para o fútbol galego coa recuperación da selección nacional. Riazor foi o seguinte paso, e en Balaidos subimos outro chanzo co nacemento da selección nacional feminina. Agora abrimos este espazo para que, aqueles que vivistes esta nova reviravolta da historia que levamos tres anos escribindo, compartades os recordos que se foron afianzando no pouco tempo que pasou.