Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
ROBERTO, PORTEIRO DO OSASUNA

"A portería da Irmandiña está hoxe ben defendida"

"Representar a Galiza é un sentimento que levamos dentro", expresa o chantadino, quen trata de contribuír ao despertar dun Osasuna que comezou moi mal a tempada.

Pablo García Martínez - 09:00 05/12/2008
Roberto o día da súa presentación como xogador do Osasuna

Roberto o día da súa presentación como xogador do Osasuna

Despois de varios anos na canteira do Celta, Roberto Fernández Alvarellos tivo que ir buscar a vida a Asturias, ao Sporting de Xixón, no que xogou seis tempadas. Coas súas grandes intervencións fíxose co cariño dos afeccionados, foi un ano o porteiro menos goleado da división de prata e contribuíu ao ascenso á primeira división. Aínda así, as dificultades económicas obrigaron ao club a vendelo a Osasuna, onde só unha lesión conseguiu afastalo a pasada semana da titularidade que gañou coa chegada do seu novo adestrador, José Antonio Camacho.

Vieiros: Volveremos ver a Roberto baixo os paus da selección este ano?
Roberto: Se o club non pon pegas non vou ter dúbidas, porque me fai moita ilusión este partido. Xuntámonos futbolistas que levabamos tempo sen vernos, e tamén é fermoso ver toda a xente que nos segue.

Que perspectivas tes do vindeiro partido, no que o rival será o equipo chileno?

É moi importante que vaian variando os equipos, mantendo ou subindo o nivel. Chile ten unha boa selección e virán con ganas, porque hoxe ningún equipo regala nada. A ver se pode haber un bo partido, que os afeccionados apoien, a pesar do frío, para poder vivir así unha nova festa do fútbol galego.

Que significa para ti vestir as cores da selección galega?
Para un galego é moi especial, sobre todo cando levas anos xogando fóra. Todos os galegos queremos estar aí e defender a Galiza. Ademais é unha ocasión moi fermosa para atoparte con amigos e familiares. Son amistosos pero nós tomámolo con ilusión e profesionalidade. Representar a Galiza é un sentimento que levamos dentro.

Hoxe vivimos unha situación curiosa, con varios dos nosos xogadores consolidados na primeira división, case todos en equipos de fóra. Pensas que os equipos galegos apostan pouco polo xogador do país?
O mundo do fútbol está moi complicado, porque está todo moi igualado e non hai sitio para todos. Agora vemos que o Celta está intentando galeguizar o seu equipo e o Deportivo tamén sacou algún xogador da terra nos últimos anos. Nós tivemos que buscarnos a vida fóra, pero non é ningún drama.

Podemos dicir que contigo e Diego López a portería é unha das demarcacións que temos mellor cubertas?
Hai xogadores bos en todos os lugares. É certo que agora podemos estar ben tranquilos porque a portería galega está ben defendida. Mais isto non é só grazas a Diego ou a min, xa que hai outros porteiros en divisións inferiores ou en outras ligas traballando moi duro, e poderían cubrir esta posición con garantías.

No fútbol, como no resto de traballos colectivos, resulta fundamental o bo ambiente entre as persoas que colaboran. Xa existe esa camaradería entre os xogadores da selección?
O que acontece é que somos moitos xogadores espallados por equipos diferentes e entón segue habendo ese sentimento. Cando nos vemos na liga ou noutra competición é unha alegría moi grande e adoitamos quedar en xuntarnos no partido da selección. Con Diego aínda coincidín fai poucas semanas e aproveitamos para falar do próximo partido.


4,82/5 (11 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: