O equipo adestrado polo arxentino Marcelo Bielsa enfróntase ao actual campión de Europa no estadio do Madrigal, en Vila-Real.
Marcelo Bielsa dando indicacións aos seus xogadores
O vindeiro rival da Irmandiña afronta este mércores un complicado partido amistoso fronte ao equipo español que dirixe Vicente del Bosque. O estadio elixido é o Madrigal, na localidade castellonense de Vila-Real.
Os seareiros da selección nacional teñen este mércores unha boa ocasión para comezar a calibrar o potencial do rival ao que se enfrontará o noso equipo o vindeiro día 27 en Riazor. Así, Chile chega a Vila-Real sen os xogadores que aportan os catro clubs máis importante do país andino, como son Universidade de Chile, Colo Colo, Universidade Católica e Cobreloa. O seleccionador chileno Marcelo Bielsa decidiu non chamar os xogadores destes equipos por atopárense xogando a liga final do torneo clausura chileno.
Aínda así presenta un equipo forte no que destacan xogadores como Matías Fernández, Mauricio Isla, Nicolás Corvetto, Carlos Villanueva ou Fabián Orellana. Ao adestrador arxentino acompáñao como asistente técnico un vello coñecido da afección galega: Eduardo Berizzo, antigo xogador do Celta de Vigo.
Innovacións tecnolóxicas na formación
O seleccionador chileno é un fanático do seu traballo e dá como boa calquera pequena mellora que lle axude a optimizar o rendemento dos seus pupilos. Así, Marcelo Bielsa usa as novas tecnoloxías para mellorar a preparación dos seus xogadores, e ensaia en programas informáticos os experimentos tácticos que despois plasma no terreo de xogo.