Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
BORJA OUBIÑA

“Galiza daría guerra nun mundial”

O medio centro do Celta agarda con ilusión poder participar no cuarto partido da Irmandiña.

Pablo García Martínez - 10:00 14/12/2008
Oubiña xa ten ganas de sentir a calor dos siareiros irmandiños

Oubiña xa ten ganas de sentir a calor dos siareiros irmandiños

O elegante medio centro vigués volveu aos terreos de xogo a pasada fin de semana, xogando os últimos minutos do partido fronte á Unión Deportiva Las Palmas. Despois de máis de 14 meses lesionado, Oubiña volveu sentirse futbolista, e agora o seguinte paso e recuperar o seu mellor nivel para axudar ao equipo. Vieiros falou con el sobre a súa volta aos terreos de xogo, coa que se abre a posibilidade do seu debut coa selección irmandiña. Sobre isto Borja foi contundente, afirmando que "é unha ilusión e un orgullo poder representar ao meu país", e deixou claro que acudirá ao encontro se os técnicos o reclaman.

Vieiros: Como te sentes agora que xa volviches á competición oficial?

Borja: Atópome moito mellor. Sumando sesións de adestramento e mellorando cada semana.

Estás sorprendido co apoio que che prestou o Celta durante os malos momentos vividos?
Estou moi contento, xa que cando pasas momentos difíciles é importante sentirte apoiado. Co Celta, evidentemente non teño ningunha queixa, xa que sempre estiveron ao meu carón.

Sentiches en algún momento ese baleiro que o deportista de elite experimenta cando se afasta do epicentro do sismo mediático?
Eu non teño queixa. Se cadra polo meu feitío non lle dou importancia a esas cousas, xa que son unha persoa que vive tranquila e moi pendente da miña familia. Non sinto necesidade do cariño que ven coa fama. Aínda así sei que para algúns deportistas de alto nivel ás veces é difícil, por exemplo, abandonar o deporte, porque hai moita xente que te deixa de lado. Isto é máis duro no caso dos deportistas que practican disciplinas menos coñecidas, xa que no seu caso o seguimento mediático xa era moi puntual durante a súa carreira profesional.

Como ves ao Celta agora, despois da melloría experimentada nas últimas semanas?
Eu vexo ao equipo ben, sobre todo tendo en conta o mal que comezamos. O máis importante para min é que nos últimos 10 partidos fomos superior ao equipo contrario.

Que pretendes aportar a este equipo?
O meu obxectivo é ir entrando pouco a pouco e seguir traballando, que é a base do meu xogo. A intención é seguir mellorando para ser unha nova posibilidade coa que poda contar o adestrador.

Por desgracia non puideches xogar nos tres partidos anteriores. Que recordos gardas deles?
Estiven en Santiago e Vigo, o de Coruña vino dende a casa. Tiven mala sorte até agora e sinto moito non ter estado. Agora síntome ben e espero poder chegar ao partido. Xogar con Galiza é algo que me ilusiona especialmente, agardo poder participar na festa do fútbol galego.

Entón, estás á disposición de Arsenio Iglesias e Fernando Vázquez?
Por min non teño ningún problema, porque é algo que me fai ilusión. Se todo segue como até agora para aquel día aínda debería estar mellor. Se me convocan irei ao partido.

Que significa para ti que aínda non o experimentaches vestir as cores da selección galega?
Para min é unha ilusión e un orgullo poder representar á miña comunidade, ao meu pobo, ao meu país. Eu síntome vigués e galego. Creo ademais que temos neste partido unha nova oportunidade de reivindicarnos como potencia.

Afondando un pouco na elite do fútbol galego, como avalías o momento que está a vivir actualmente?
Parece que imos collendo protagonismo, con xogadores que se consolidan na primeira división como Diego López, Diego Castro, Jonathan Pereira ou Julio Álvarez. O nivel da selección foi subindo durante estes tres anos. Vemos que o produto galego serve e, ademais, é un produto de calidade. Espero que sigamos medrando aínda máis.

Tendo en conta isto, de que xeito crees que respondería este equipo se tivera a posibilidade de participar nunha competición como, por exemplo, un mundial?
Habería que velo, pero eu creo que seríamos competitivos, aínda que hai seleccións moi fortes que estarían por enriba, como Francia. Temos que lembrarse de que galegos somos dous millóns e pico. Non faríamos unha selección destinada a loitar pola vitoria, pero daríamos guerra.

Que pensas do noso rival, a selección chilena?
É un bo rival, coñecido internacionalmente. Agora agardamos que veñan os seus mellores xogadores, con predisposición a competir para que poidamos ver un partido interesante.

Un resultado para o partido do día 27?
Calquera resultado no que a xente o pase ben e gañe Galiza.


4,95/5 (20 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: