A futbolista do Levante analizou o partido do día 28, no que vai ter moi difícil estar por cuestións de calendario.
Vieiros falou con Gurutze Fernández, toda unha institución no fútbol feminino a nivel estatal. A miúda xogadora Guipuzkoana defende as cores da súa selección sempre que o calendario llo permite e, ademais, adoita figurar nas convocatorias do equipo estatal. Gurutze gañou catro das seis edicións da Superliga, disputadas dende a creación do campionato no ano 2002. A súa asistencia ao partido está difícil, xa que o seu equipo convocouna para comezar os adestramentos o días 29 de decembro. Esta situación reprodúcese en outros moitos clubs da Superliga, debido a que a fin de semana do 3 e 4 de xaneiro está programada a celebración dunha nova xornada. Alén do partido do día 28, Vieiros falou con Gurutze sobre outros temas de actualidade como a oficialidade da selección vasca ou a mudanza do seu nome, levada a cabo pola federación vasca de fútbol.
Como definirías o estilo de xogo da selección de Euskadi?
En Euskadi existiu de sempre o tópico de que practicamos un fútbol moi directo, pero iso xa non é tanto así. Seguimos xogando forte, pero tampouco temos problemas se nos toca ter o balón.
Cales son as xogadoras máis destacadas?
Por liñas, na portería está Ainhoa, na defensa Maider, no medio Arrate Orueta e na dianteira Erika Vázquez.
E que dirías do equipo galego?
Polo que as coñezo, agora mesmo teñen dúas xogadoras fundamentais como Mari Paz Vilas e Verónica Boquete, arredor das que debe xirar o equipo. O galego foi sempre un fútbol técnico e van evolucionando pouco a pouco. Penso que irán saíndo outras xogadoras, do mesmo xeito que saíron Verónica ou Mari Paz.
Como pensas que se vai desenvolver o partido?
Vexo un partido igualado, porque somos dous equipos que non se coñecen. Eu supoño que elas intentarán levar a iniciativa dende o inicio por xogar na casa, pero se estamos todas e o partido segue o camiño previsto, o normal é que nós rematemos mandando no mesmo.
Se puidera contar cas súas mellores xogadoras, como crees que respondería a selección de Euskadi nun campionato internacional?
Eu penso que, por exemplo, os equipos que presentamos contra Arxentina non distarían moito do que é a selección estatal. Lémbrome de ver nos últimos anos aliñacións da selección estatal con cinco vascas, cinco catalás e, por exemplo, unha madrileña.
Que pensas ti sobre esta posibilidade?
A selección de Euskadi demostrou historicamente ter suficiente solvencia como para competir. De sempre houbo deportes nos que as nosas seleccións compiten como Euskadi, e ao estado non lles importaba. Nos deportes minoritarios a España non lle importa, pero no máis mediáticos xa non lle interesa que teñamos equipo oficial. Eu creo que se as cousas se fixeran ben non debería haber ningún problema en elixir. Debería existir a posibilidade de que a xente xogue con quen queira, sen molestar a ninguén.
Outro tema de actualidade é a denominación da selección, que o ano pasado foi Euskal Herria e agora volve a ser Euskadi. Ti es unha das xogadoras que asinou o manifesto, cal é a túa postura persoal sobre este aspecto?
A federación firmou o ano pasado un acordo segundo o que se pode coller a xente de Euskal Herria, e a selección chamaríase así. Nós simplemente mantémonos fieis a ese acordo.