Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
MARI PAZ VILAS, XOGADORA DA IRMANDIÑA

"Defender as cores de Galiza é o máis grande que che pode pasar"

A xogadora de Bamio marcou o único gol da historia da selección feminina, o ano pasado ante Catalunya.

Pablo García Martínez - 09:15 07/12/2008
Mari Paz no debut da selección

Mari Paz no debut da selección

Seguimos cos serie de entrevistas ás xogadoras da irmandiña de fútbol, que o vindeiro 28 de decembro se enfronta á selección de Euskadi no Estadio de Pasarón, en Pontevedra. Desta volta é a quenda de Mari Paz, xogadora do Barça e autora do gol do debut da selección feminina, o ano pasado en Vigo, fronte a Cataluña.

Vieiros: Que agardas do seguinte partido, no que teredes como rivais ás xogadoras da selección de Euskal Herria?

Mari Paz: Vexo un partido complicado porque elas teñen un bo equipo. Aínda así, creo que pode ser un encontro disputado se van as mellores xogadoras galegas.

Poderías facernos unha análise do equipo vasco?

Adiante destaca Erika, do Athletic Club, que é unha dianteira moi rápida e con moito gol. Despois o que chama a atención é que son moi fortes defensivamente. En ataque nós temos máis calidade, pero a elas é moi difícil facerlles un gol.

Que recordos gardas do primeiro partido da selección feminina?
Unha mestura de boas e malas sensacións. Marquei o único gol, pero marcáronnos moitos goles. Eu creo que nós temos equipo para non perder por tanta diferenza. Todo depende da convocatoria que se faga, porque o ano pasado decidiuse facer un equipo onde estean representados todos os clubs, no canto de levar ás mellores xogadoras.

Como valoras a situación do fútbol feminino en Galiza, máis alá da selección?
Vexo o fútbol feminino galego moi atrasado, aínda que vai avanzando. É unha mágoa que as mellores xogadoras teñamos que marchar, pero isto é porque en Galiza non se aposta por ter un equipo na Superliga. Celta e Dépor non aproveitan o seu potencial como entidades. A min dáme envexa cando vexo que en Euskadi ou Cataluña as xogadoras que destacan teñen a oportunidade de poder xogar nun equipo de Superliga ao lado da súa casa.

Marchaches dun dos mellores equipos a outro en proceso de construción. Cales foron os motivos da túa mudanza?
Estar nunha entidade como o Barça dáche a seguridade de que non vas ter problemas para cobrar, ou para recibir sempre un bo tratamento médico. Ao estar fóra da casa é moi importante estar ben, non podes estar sen cobrar como me pasou o ano pasado.

Aínda así, o equipo está respondendo e semella estar preparado para loitar cos mellores nun futuro próximo. Non cres?
Apostaron máis polo equipo aumentando a inversión económica. Chegaron varias xogadoras importantes e a idea é seguir medrando nos próximos anos. Están apostando por nós. Agora mesmo estamos mellor do que o propio club agardaba. Supostamente hai catro equipos moi superiores que están adiante, polo que lideramos a nosa liga. Si o equipo segue así eu coido que o ano que vén estaremos loitando polos catro primeiros postos.

Que supón para ti xogar coa selección galega?
Ser galega é o máis grande que eu teño. Por moito que me vira obrigada a marchar xogar fóra, este partido é moi bonito e especial. Se te sentes galega, defender estas cores é o máis grande que che pode pasar.

De que xeito recibiches a nova de que os equipos xogarán en diferentes campos e días distintos?
É un pouco discriminatorio, pero por desgracia xa nos acostumamos a ser discriminadas, así que sairemos a xogar con ganas e daremos o máximo no campo que sexa.

Que dirías se che pedimos que te arrisques a falar dun resultado?
Sen concretar máis vou apostar polo empate.


4,94/5 (18 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: