Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
GALIZA-CATALUÑA

As irmandiñas furan a porta en Balaídos

A historia futboleira faise en goles, e as irmandiñas xa teñen o seu primeiro. Furar, furaron a porta, pero só unha vez polas seis das catalás. Entre as galegas notáronse os nervios.

Redacción: A. Rodríguez / Imaxe: Óscar Corral - 19:48 27/12/2007
Tags:

Minuto 1 (0-1). Gol de Miriam para as catalás.
Minuto 8 (0-2). Miriam pon máis distancia coas galegas.
Minuto 19 (1-2). A número 10 das irmandiñas, Mari Paz, estrea xeira goleadora para Galiza.
Minuto 42 (1-3). Sara pon máis terra por medio a prol das catalás.
Minuto 44 (1-4). Cataluña volve a furar a portaría de Paula grazas á bota de Sara.

19:35 horas. Andamos no descanso, cun marcador pouco favorábel para Galiza, mais cun golazo para a historia de Mari Paz. Pili Neira, a seleccionadora nacional, non deixou de berrar na banda en toda a primeira parte, e agora segue a animar ás xogadoras que andan a quecer, preparando a segunda parte dunha posíbe remontada irmandiña.

Un anaco antes de que comece a segunda parte do encontro, saltaron ao campo unha parte das xogadoras que compoñían aquela selección galega que en 1985 gañou o Campionato Estatal. Entre elas, a actual seleccionadora nacional, Pili Neira.

Minuto 49 (1-4). Marina Torras, a número 10 de Cataluña, tenta entrar até a porta galega, pero váiselle o bola polo fondal da área. Dous minutos despois, (minuto 6), Cataluña cambia a Torras (10) por Rocío Serrano (7).
Minuto 64 (1-4). Xa van varias ocasións de gol para as galegas. Andan á procura del, moi lonxe de se viren abaixo ante o marcador defavorábel, as irmandiñas pulan por chegar á porta catalá. Destaca o tiro directo a porta de Vero no minuto 60.
Minuto 68 (1-4). Hai troco na selección galega. Sae Leti co número 3, e entra Sonia co 15.
Minuto 70 (1-5). Volven marcar as catalás. Gol de Rocío Serrano (7), anotado só uns minutos após ter saído ao campo.
Minuto 90 (1-6). Termina o partido. As catalás marcaron nos últimos minutos o sexto gol, da man de Marta Villagrasa (14). Pola súa banda as galegas gozaron dunha chea de ocasións neste segundo tempo (varios tiros a porta e unha falta directa, lanzada por Vero, que pasou a nada do longueiro catalán), que aproveitaron con forza, a mesma que amosaron durante todo o encontro.

A pesares de poñer a forza toda no terreo de xogo, as irmandiñas estaban nerviosas na súa estrea, e isto notouse durante todo o partido. Non lles chegou o tempo para amosar o que poden facer, e cando xa comezaban a estar algo cómodas, o reloxo xa contara os 90 minutos.

De todas, todas, velaí vai outro partido para a historia do fútbol galego, do fútbol das galegas.


5/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: