O anuncio fíxose na presentación do Galiza-Chile, realizada este luns no estadio de Riazor, onde o combinado masculino xogará o vindeiro 27 de decembro.
Dende este luns pódense reservar as entradas de grupo para o vindeiro partido das seleccións galegas feminina e masculina. As reservas poderán realizarse até as 14:00 horas do vindeiro día 12 de decembro, a través da páxina web O fútbol galego une. A venda online do resto das entradas realizarase entre os días 6 e 22 de decembro, na páxina de Caixa Nova.
A Federación Galega de Fútbol tamén contribuíu á difusión dos encontros das seleccións nacionais, agasallándolles aos clubs rexistrados neste organismo dúas entradas de adulto ou adulta e 10 de rapaza ou rapaz. As entidades interesados nesta oferta terán que poñerse en contacto coa Federación antes do día 15 de decembro.
O sistema de reserva das entradas anunciouse este luns no acto de presentación do encontro de Galiza e Chile, que tivo lugar no propio estadio de Riazor, onde as dúas seleccións masculinas han xogar o vindeiro día 27 de decembro -as irmandiñas xogarán o día 28 no estadio de Pasarón, en Pontevedra, fronte a Euskadi. Tamén se aproveitou esta ocasión para presentar o espazo televisivo que se difundirá para anunciar os partidos.
No acto estiveron presentes a conselleira de Cultura e Deporte, Ánxela Bugallo; a directora xeral para o Deporte, Marta Souto; o concelleiro de Deportes da Coruña, Xan Caxigal; o vicepresidente do Deportivo, Pachi Dopico; o presidente da Federación Galega de Fútbol, Carlos Meana; e os representantes dos principais patrocinadores.