A DXT recomenda circular con precaución. As comarcas de Ourense, Pontevedra e Lugo, en nivel laranxa, informa Protección Civil.
A Dirección Xeral de Tráfico recomenda circular con precaución nas localidades de Manzaneda e Albarellos, debido ás dificultades ocasionadas pola neve e a néboa, respectivamente.
Pasadas as 2.00 horas da madrugada do venres ao sábado, activouse o nivel verde por néboa na autovía A-52, entre os quilómetros 172 e 177, en ambos os dous sentidos, e en Manzaneda, pola neve, entre os quilómetros 5 e 8 da estrada OU-0704.
Ademais, Protección Civil ampliou este venres a alerta laranxa ás comarcas da provincia de Lugo, logo de activala a quinta feira nas de Ourense e Pontevedra, pola inminencia dun temporal que afectará ás tres provincias a partir deste sábado e que se manterá nas próximas xornadas.
A cota de neve descenderá até os 500 ou 600 metros. Na alta montaña do país, a cota de neve podería chegar aos 20 centímetros.
Tamén, a Axencia Estatal de Meteoroloxía mantén activada a alerta laranxa na costa galega por mar de fondo e vento en mar, que soprará con forza 6-7 e intervalos de 8.