Fronte aos déficits no servizo eléctrico, a idea de Industria é de momento pagarlles estes aparellos aos concellos máis illados para ir tirando nos casos máis graves.
Logo de que diferentes concellos da montaña de Lugo quedasen illados por máis de tres días a causa do temporal de neve e frío, chega o momento de facer balance e de buscar solucións. O conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco, visitou Pedrafita do Cebreiro e comprometeuse a estudar a creación dunha liña de apoio para a adquisición no rural de grupos electróxenos que permitirían facer fronte á falta de subministración de electricidade en circunstancias coma as dos días pasados. Segundo explicou, este tipo de medidas servirán para que as vivendas illadas non queden sen electricidade, tal e como lles sucedeu a varios milleiros de clientes de Fenosa. En concreto, no concello de Pedrafita, 20 mil usuarios estiveron sen subministro eléctrico durante toda a fin de semana.
O Conselleiro xa adiantou que se asinará un convenio a comezos de 2009 con todos os concellos "susceptíbeis de sufrir estas situacións", para o que se realizará unha avaliación que determine cales poderían ser os municipios beneficiarios e cal sería a inversión necesaria. No Courel estiveron afectados estes días uns 16 abonados a Unión Fenosa. Con todo, Blanco eximiu de responsabilidades á empresa e subliñou que en Galiza hai uns 50 mil quilómetros de rede de cable atendidos por un único operador, co que "con condicións meteorolóxicas adversas é moi difícil traballar e dar unha resposta áxil". Deste xeito, destacou o "esforzo considerábel" da operadora, así como dos alcaldes e da consellaría. Con todo, tamén dixo en relación á rede eléctrica galega que "sempre se pode mellorar".