Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Denuncia dos socialistas

A Deputación de Ourense só varreu a neve a pé dos concellos do PP

O PSOE ourensán quéixase do suposto uso "partidista" dos medios cos que o ente provincial conta para atender as emerxencias.

Redacción - 18:20 03/12/2008

Quitaneves nas estradas cara a concellos do PP e neve a fartar nas gobernadas por outros partidos. Tal foi a situación que aseguran desde o PSOE ourensán que aconteceu estes días na provincia naquelas vías que lle corresponde á Deputación xestionar.

Por este motivo, o deputado provincial do PSOE e alcalde do Barco de Valdeorras, Alfredo García, e o alcalde de Vilardevós, o socialista Xosé Luís Pérez, compareceron este mércores diante dos medios de comunicación para denunciar o que consideran que é unha "utilización partidista" dos medios públicos para a atención de emerxencias. Os socialistas acusan de "inoperancia" a Deputación, criticando o despregue dos recursos de limpeza de estradas dos que dispón esta administración.

Urxencias desatendidas
Ao fío, achegan denuncia concreta da situación acontecida estes días en municipios da provincia. Apuntan que até unha decena de poboacións quedaron incomunicadas e recordan que se produciron situacións de "urxencia sanitaria". Paradoxalmente e fronte a unha situación prognosticada, xa que Protección Civil decretara o nivel laranxa, aseguran que os concellos gobernados polo PP "dispuxeron de medios" para o mantemento das vías, mentres outros presididos neste caso polo PSOE tiveron "pobos illados durante máis de dous días sen que a Deputación prestase ningún tipo de axuda". Tal foi o acontecido por exemplo nos concellos de Castrelo do Val, Calvos de Randín ou de Vilardevós, que segundo os socialistas sufriron especialmente polas nevaradas.

Así, Xosé Luís Pérez denuncia que a Deputación de Ourense utilizou "medios públicos con fins partidistas", para "prexudicar a aqueles alcaldes socialistas que tiñan problemas" polo temporal. "Os veciños non entenden de quen a titularidade da estrada afectada e piden explicacións aos alcaldes con toda a razón do mundo porque son os que sofren a situación", sinalou o rexedor de Vilardevós.

O grupo provincial do PSOE solicitará a apertura dunha comisión de investigación para esclarecer o acontecido. Tamén demandarán que se investigue o funcionamento das brigadas e dos medios dá Deputación na xestión das nevaradas dos últimos días.


5/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: