Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
O Foro Social Galego xúntase esta fin de semana

Pensando e construíndo alternativas ao neoliberalismo dende Galiza

Unha asemblea de movementos sociais con máis dun cento de adhesións, debates autoxestionados, plenarios, 10 horas de audiovisuais, presentación dunha ducia de publicacións e máis actividades culturais, música, feira...

A. Rodríguez - 09:00 03/12/2008

Máis de 70 colectivos e 190 persoas a título individual xa fixeron a súa adhesión ao Foro Social Galego (FSGal), pero aínda poden chegar máis, porque a xuntanza meirande dos movementos sociais en Galiza desenvolverase en Compostela do 5 ao 7 de decembro.

As adhesións responden a un compromiso con este proceso de artellamento de propostas das redes sociais do país. "Cada un pon un pouquiño de si para o autofinanciamento desta xuntanza dos movementos sociais de Galiza, e cada apoia agradécese", contou Manoel Santos, director de Altermundo.org, entidade que fai parte do Consello do FSGal, e colaborador de Vieiros.

O FSGal nace cando está a piques de comezar un ano que se debulla como especialmente intenso en canto á loita social. "Os movementos sociais sábeno, e aínda que levamos tempo sufrindo a crise alimentaria, e enerxética... cando estoupou todo foi coa chegada desta crise financeira; cando nos demos conta que de sobraban cartos no mundo para resolver moitos problemas, para acadar os Obxectivos do Milenio da ONU, e moitos estados decidiron gastalos rescatando os bancos, que seguen a cobrarlles as hipotecas enteiras aos seus clientes", sinalou Santos, ao tempo que subliñaba que, ao seu ver, o FSGal nace nun momento no que é necesario "propoñer alternativas ao neoliberalismo fracasado, e forzar os gobernos a que muden o seu rumbo. Moitos movementos antihexemónicos naceron neste mesmo momento que estamos a vivir, e con eles a necesidade de coordinarse, traballar xuntos para seren máis fortes, un dos obxectivos marcado neste foro".

Para que se saiba das actividades que promoven os movementos sociais galegos
En Galiza existe unha grande cantidade de movementos sociais, moi heteroxéneos, moi espallados por todo o país, e que, a pesar da creación de redes horizontais que os integraban -tipo Galiza Non se Vende ou a Plataforma Galega Antitransxénicos, por exemplo-, seguen a ser anacos pequenos, que unidos poderían axudar á súa visibilización. Este é un dos obxectivos do Foro Galego, unir esa diversidade e darlle forza: "En Galiza hai diversas asociacións que fixeron un moi bo traballo de base, nos barrios, nas parroquias, nas vilas, nas comarcas... e sen ese traballo non hai nada, nin se poderían constituír os foros sociais; pero para que se vexa esta diversidade existente e o traballo que están a facer estas asociacións, así como a súa capacidade para coordinarse e tecer redes e alianzas na procura duns obxectivos comúns nace este Foro", sinalou Santos, describindo o FSGal tamén como unha oportunidade para tentar restaurar a ponte que existía, antes de que se rompese, entre os movementos políticos e a sociedade, e "crear outras outras pontes alternativas".

Ademais disto, os tres días que durará o foro -do 5 ao 7 deste mes- os activistas poderán "recargar as pilas, coñecer outra xente, outros movementos e outras loitas, contar como traballan ou aprender como traballan outros, o que sempre axuda a re-encamiñar os movementos", sinalou o director de Altermundo.org.

O Foro Social Galego inaugurarase a vindeira sexta feira en Compostela. Poden consultar o completo programa na súa web.


Ligazóns

4,22/5 (9 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: