Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Irimia

Xestionado pola Asociación Irimia
RSS de Irimia
Para non perder o sur

III Foro Social Mundial das Migracións

As Nosas voces,
 
os nosos dereitos.
 
Por un mundo sen muros


Na localidade de Rivas-Vaciamadrid, entre o 11 e o 14 de setembro tivo lugar o evento internacional mais importante sobre migración. O III Foro Social Mundial das Migracións, que deu cita a máis de 2300 participantes de 90 países, movementos sociais, grandes personalidades e institucións. Reunidos para debater sobre os movementos migratorios, os refuxiados e os desprazados no mundo. Un espazo temático, aberto, non gobernamental e non partidario que xorde como encontro alternativo ao Foro Social Mundial de Porto Alegre (Brasil, 2000).

Rocío Rodríguez e Miguel Fernández (representantes do Foro Galego de Inmigración) - 19:51 26/09/2008
Tags:

Os participantes, déronlle voz a quen non son escoitados para solicitar a ratificación da Convención da ONU sobre os dereitos dos migradores, a creación dunha axencia de Nacións Unidas que defenda eses dereitos e a posta en marcha dun "pasaporte universal" que simbolice o ideal da construción da cidadanía universal, a non discriminación e a integración respectuosa do traballador emigrante. Ademais de propor alternativas e dicir “non” á directiva de retorno da Unión Europea (UE).

Participaron neste encontro entidades de ámbito local, nacional e internacional, entre as que destacan: CEAR (España), Grit dos Excluídos (Brasil), Save the Children, RAEM (Senegal), OXFAN, RED ACOGE, FEDELATINA, RED CON VOZ, AEPN, entre outras. Abordáronse diferentes temas: a globalización e as migracións, as sociedades de orixe e alternativas de desenvolvemento, as fronteiras e os dereitos humanos, a sociedade de chegada, o asilo, o desprazamento e o refuxio.

Participación galega

Por primeira vez, Galicia contou con representantes neste ámbito de debate e reivindicación social. A presentación do Foro Galego de Inmigración neste III FSMM, é produto de máis dun ano de traballo que se remonta a novembro de 2007, cando foi invitado a participar pola Comisión Española de Ayuda al Refugiado (CEAR), coordinadora principal do evento.

O primeiro paso foi a incorporación á comisión estatal que, xunto á internacional, encargouse de elaborar os eixes temáticos, propor actividades, seminarios, talleres, avaliar e organizar as mesas de debate que fixeran visible as diferentes realidades dos emigrantes no mundo.

Dende Galicia deseñáronse 2 actividades, que foron aprobadas polos distintos grupos de traballo. Unha delas foi un seminario dentro da tema “As sociedades de chegada e a situación dos emigrantes“ onde se expuxeron as propostas consensuadas na III Asemblea de Inmigrantes e emigrantes retornados de Galicia que se celebrou o 25 de maio na cidade de A Coruña. Esta intervención formaba parte dunha mesa de discusión sobre “O traballo das entidades sociais no ámbito das migracións”, en compañía doutras dúas entidades, a Red Europea de Lucha Contra la Pobreza y la Exclusión Social en el Estado Español (EAPN ES) y EPIM (European Programme on Integration and Migration).

A segunda actividade consistiu nunha experiencia vivencial de reflexión sobre estereotipos, na que se exemplificou o traballo realizado nos centros escolares galegos coas campañas educativas “Xunt@s” dirixida ao alumnado de primaria, “En cada rostro igualdade” para estudantes de ESO e o VideoForum para Bacharelato. Ambas actividades contaron cun gran número de asistentes, creando desta xeito un rico espazo de reflexión e intercambio de experiencias, que nos permitirá realizar mellor o noso labor dende Galicia. Asemade, fomentouse o contacto e a creación de redes de información con institucións afíns, garantindo a difusión das nosas iniciativas e a aprendizaxe cooperativa.

Manifestándonos...

Baixo o lema “Nuestras voces, Nuestros derechos. Por un mundo sin muros” máis de dúas mil persoas mobilizáronse o sábado 14 de setembro dende Legazpi ata Atocha co fin de denunciar o levantamento de muros físicos, xurídicos e sociais que impiden a libre circulación das persoas. Culminando co derrubamento simbólico dun muro de tea e a lectura da II Declaración de Rivas que denuncia o crecente deterioro das condicións de vida que impacta sobre as persoas emigrantes, refuxiadas e desprazadas dos diferentes continentes e, especialmente, dos pobos palestino, saharauí, colombiano, sudanés e iraquí. Esiximos a derrogación da directiva de retorno da UE, como calquera instrumento legal que permita la criminalización de migrantes no mundo. A partir de agora, comezarase a traballar de cara ao IV FSMM que se convocou para o 2010 na cidade de Quito, Ecuador.


5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: