David Rodríguez envíanos dende Malmö a última reportaxe do Foro Social Europeo celebrado estes días en Suecia.
Unhas 15 mil persoas marcharon por Malmö o sábado
Se houbese que resaltar algo deste cumio do altermundialismo europeo celebrado en Malmö, sería, na miña opinión, a omnipresenza das diversas loitas que se están a desenvolver en Latinoamérica. Bolivia, Venezuela, Ecuador, Nicaragua, Paraguay, Brasil... os nomes de todos estes países pronunciábanse unha e outra vez en cada recanto da cidade. No Jesusparken, unha pancarta coa cara do Che daba a benvida a todos á área americana, e grupos musicais formados por suecos e sudamericanos asentados neste país (onde é importante a presenza de chilenos exiliados nos tempos da dictadura) amenizaban as tardes ante a mirada circunspecta dos automobilistas. En Bergsgaten 20 instalouse o Press center: o cuarto andar, en realidade, dun edificio de oficinas no que era posible acceder a internet e acudir ás roldas de prensa. Nunha delas, ofrecida polo Director da axencia boliviana de información, pola representante da asociación en favor dos excluídos en América Latina GRITO e mais polo coordinador xeral da Coordinadora andina de pobos indíxenas, denunciouse a estratexia trazada pola oligarquía boliviana para boicotear o proceso de refundación nacional que trata de pór en marcha o goberno de Evo Morales. Inxerencia, exclusión, plurinacionalidade e solidariedade foron os catro termos chave. Exclusión: a sufrida polos pobos indíxenas desde a mesma conquista española. Inxerencia: a dos Estados Unidos para desestabilizar a incipiente democracia boliviana. Plurinacionalidade: como obxectivo a alcanzar a través do proceso constituínte aberto . Solidariedade: como o único que pode facer unha Europa incapaz de levar á práctica nas súas fronteiras ningún dos soños da esquerda. Na mesma carpa de Sofielund na que un día antes falara Beiras, Blanca Chancosa, unha lider do movemento indíxena ecuatoriano tan baixiña como convincente, agarraba o micro e lanzaba un canto ao optimismo: "É a hora do pachacuti. Así lle dicimos no meu idioma ao regreso do bos tempos." Canda ela, ademais de Ignacio Ramonet e Bernard Cassen, encontrábanse campesiños nicaraguenses, xentes do MST e un activista hondureño. O máis destacable: a madurez que se intuía no movemento social indíxena cando Blanca Chancosa facía fincapé en non deixar nunca que os políticos eclipsen aos movementos, senón que sexa a forza dos movementos os que forcen aos políticos a non apartarse da senda dos cambios verdadeiramente transformadores. Como proba da condición de espectador que sufre neste momento o movemento altermundialista europeo a respecto de América Latina, a reflexión de Cassens: "É necesario estudar ben e aprender da nova articulación en torno á colaboración e solidariedade entre gobernos que supón o ALBA (Alternativa Bolivariana para América e o Caribe) e o seu posible caracter de alternativa á OMC" e Ramonet: É hora de que o movemento altermundialista se enfronte –como o están a facer en Latinoamérica– á cuestión do poder, abandonando a súa excesiva precaución ante este tema."
Europa
No seminario sobre o "Modelo nórdico" de relacións laborais era fácil comprobar en que temas se están a centrar os esforzos das organizacións de traballadores deste país e en xeral de toda Europa. Organizado pola confederación de sindicatos suecos, a charla dedicouse prácticamente en exclusiva a explicar a indignación xerada polas recentes sentenzas do Tribunal de Luxemburgo en materia laboral a favor das empresas dispostas a contratar inmigrantes, en especial polacos e lituanos, coas condicións laborais dos seus países de orixe. Nun país onde a afiliación sindical ronda o 80% e os dereitos recoñecidos aos traballadores non son desprezables, a Unión Europea é percibida como unha ameaza ao seu modelo de negociación colectiva. Tras as intervencións dos sindicalistas suecos e daneses, o ponente lituano explicou brevemente as penosas condicións laborais das que partía o seu país e os recentes avances experimentados. Feito isto, pasou a recoñecer un paradoxo: na Lituania actual se está empezando a compartir –antes a incomprensión da postura escandinava era total– a opinión de suecos e daneses en canto ao traballo dos extranxeiros, toda vez que a inmigración procedente de Rumanía ou Bulgaria comeza a reproducir o mesmo problema en Lituania. Así, se na análise de por onde van os tiros no eido do traballo, os sindicatos suecos ven ás instancias xudiciais europeas como un instrumento para coutar os dereitos dos traballadores e como o subterfuxio usado polo capital para burlar toda a reglamentación laboral vixente en países de forte tradición sindical, no tocante ás estratexias a adoptar polo movemento sindical de aquí en diante destacarían tres: integrar aos traballadores inmigrantes no movemento sindical nacional (xa están creando, por exemplo, unha rede de intérpretes entre os afiliados e comezan a facer contactos coa igrexa católica, central na vida dos traballadores polacos), aceptar a creación negociada da figura do salario mínimo (en Suecia non existe) e –grande novidade– dar preferencia á vertente combativa do movemento sindical en oposición ao sindicalismo de servizos preponderante ata o momento. De máis está dicir que en comparación co que está a pasar en Latioamérica, a ambición non é moita.
O poder
O sábado pola mañá estaba prevista unha coferencia a cargo de Toni Negri e Michael Hardt no auditorio de Amiralen. Finalmente o primeiro desculpou a súa ausencia por motivos de saúde, polo que o númeroso público asistente debeuse contentar con escoitar só a un dos autores do coñecido "Imperio". Se Ignacio Ramonet se queixaba o día anterior de que o medo do movemento altermundialista á política fora o causante de que non prosperase o chamado Manifesto de Porto Alegre de 2005 (un décalogo programático de mínimos con vocación práctica), a charla de Michael Hardt serviu para coñecer a postura dos que, influídos precisamente polo autonomismo de Toni Negri, rexeitan toda forma de institucionalización política e acreditan na transformación (Hardt falou de "transición" non sentido que, según el, lle daba Lenin a este termo: necesidade de transición que cambie a natureza humana, isto é, necesidade non só destruír ao capital senón, curiosamente, destruír en certa forma,á propia xente para crear outra) mediante a experimentación práctica da democracia no seo dos movementos a semellanza do acontecido na chamada loita da auga en Bolivia ou nas loitas dos piqueteros arxentinos. Outras das ideas expostas por Hardt que contrastan coa visión que daban os sindicatos suecos no seminario comentado máis arriba é a que sostén que non son as organizacións de traballadores os que se abren a novos sectores sociais alleos a súa base tradicional (inmigrantes, parados, etc), senón que son estas novas subxectividades as que están ocupando os sindicatos. Fronte ao modelo gramsciano do militante entregado ao partido, Hardt propón a idea –en certa maneira a mesma que sostiña Blanca Chancosa– da utilización dos partidos por parte da xente, ou, por poñelo na linguaxe propia de Negri: en lugar de as estructuras absorver á multitude é a multitude a que usa á estructura.
A multitude
A cita era para as 15:00 horas no lugar de Rosengard. Unha multitude variopinta tomaba posicións enfronte do pequeno escenario que presidía o prado onde habería comezar a demostration. Desde as bandeiras de estética soviética do partido comunista sueco ata as coloristas pancartas bolivianas, das kefiyah palestinas ata o adolescente rigorismo negro dos anarquistas integrados no chamado Black block, xentes vindas de toda a xeografía europea e alén se dispuñan a iniciar unha marcha que, durante tres horas e ordenados por bloques temáticos (esquerda, internacional, ecoloxismo, sindicalismo), habería percorrer, entre importantes medidas de seguridade, todo o centro de Malmö. En Pildammsparken, o lugar de finalización da marcha, outro escenario maior levantado nun precioso claro dun bosque de faias simétricamente podadas, recibía aos manifestantes para acoller, o tempo que aguantase o corpo, a festa do altermundialismo europeo. Entre actuación e actuación musical, os presentadores do acto informaban: "A marcha foi un éxito!", "Conseguimos reunir a 15000 persoas dispostas a loitar por un mundo mellor". E nun momento da noite –non en van se encontraban alí varios representantes do Foro Social Turco para convidarnos en persoa– soubemos que en 2010 o vindeiro Foro Social Europeo terá lugar en Estambul. Até entón dúas citas marcarán a axenda desta novedosa maneira de praxe política: O Foro Mundial de Belém en xaneiro de 2009, no Brasil e, como non dicilo, o Foro Social Galego; que verá a luz, por vez primeira, a próxima ponte de decembro en Compostela. De volta a casa, cansos pero contentos, deixamos con bo sabor de boca as frías rúas de Malmö; alimentando a esperanza, nos corazóns e nos cerebros, de que efectivamente esta sexa –como dicía Blanca Chancosa– a hora do pachacuti, do regreso dos bos tempos.