Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
CRÓNICA DENDE MALMÖ (II)

O Tratado de Lisboa e o dereito á autodeterminación, a debate no Foro Social Europeo

O xornalista David Rodríguez relata en exclusiva para Vieiros o desenvolvemento das xuntanzas, nas que este venres participou Xosé Manuel Beiras.

David Rodríguez - 14:34 20/09/2008

Malmö dividiuse, para unha mellor ubicación dos locais que acollen a inxente cantidade de actividades, en catro zonas diferentes, de forma que entre todas elas hai un continuo ir e vir de xentes, linguas e mapas que se mesturan cos dinámicos (aquí todo o mundo fai a súa vida en bicicleta) e un tanto distantes suecos. Moitos dos locais cedidos á organización son dependencias municipais, carpas ou teatros, pero tamén puiden coñecer, por medio de Stefan, a historia da rede de escolas ABF, que coa cesión do seu edificio e mais as actividades que organizan, son parte integrante do Foro.

A asociación para a educación dos traballadores (iso significan as siglas ABF) dota de educación para adultos a todos os concellos de Suecia co propósito de estudar en grupo e formar opinión sobre temas clave. Parten da convicción -na liña daquela frase de Francis Bacon: "O coñecemento é un poder en si mesmo"- de que todo o mundo debería ter a oportunidade de adquirir a formación necesaria para poder cambiar a súa situación tanto a nivel persoal, local e global. O traballo feito por esta rede educativa ao longo dos anos contribuiu, segundo Stefan, a que "Suecia pasase de ser un país de granxeiros ao que é hoxe en día". De seguro que se fosemos quen de crear algo parecido na Galiza -e acaso non comparte xa unha certa semellanza de espírito iniciativas como o Espazo Lectura do Val Miñor?- tamén nós deixariamos de ser o país cheo de carencias que actualmente aínda somos.

"Non ao Tratado de Lisboa"
Entre a xenerosa oferta de seminarios acudín a un titulado: "Non ao tratado de Lisboa. Como podemos conseguir unha Europa democrática?". Segundo leo no xornal editado pola organización onde se detalla o programa, a actividade está organizada por Attac Europe, unha plataforma sueca anti tratado e máis o Foro social romanés. Imposible saber con antelación que unha das ponentes será Susan George. Sen dúbida a estratexia de non publicitar os nomes dos oradores máis coñecidos non é inocente: que se acabe asentando unha sorte de star system altermundista é un risco que cómpre evitar. Polo demais, o encontro consistiu nunha chamada de atención sobre a necesidade de volcarse solidariamente con Irlanda coa fin de que na previsible próxima convocatoria dun novo referendum de ratificación do tratado este volva ser rexeitado.

Os ponentes desta mañá (Cian Flanagan de Irlanda, Soren Sondergaard de Dinamarca, Jan-Erik Gustaffson de Suecia e a propia Susan George) tíñano claro, máis tratado de Lisboa é máis neoliberalismo e é menos democracia. O non irlandés, como antes o non de Holanda e Francia á constitución europea, foi un pau nunha roda que non quere cesar de rodar. "En Lituania -comentou un activista danés- regalaban tubos de pasta de dentes e cervexa a quen fose votar". E Susan George -co ton de quen está desbrozando un camiño aínda non explorado- deixou unha sospeita no aire: "Proximamente Croacia ingresará na UE. Para que llo permitan terá que aprobar primeiro o tratado de Lisboa. Á súa vez Irlanda terá que dar o visto bo á entrada de Croacia. E ben, xa sabedes, é lóxica pura, se Irlanda aproba a entrada de Croacia, está aceptando tamén o tratado de Lisboa. Non vos fiedes desta xente. Son capaces de calquera cousa para se sairen coa súa".

A comida, como en xeral todo en Suecia, non é barata; malia todo, penso que para os nacionais deste país (aquí 1400 euros se considera un salario mediocre para o traballo non cualificado) a relación entre o soldo e os prezos é moito menos abusiva da que padecemos nós. Sexa como for, a fame apreta. Parece necesario, polo tanto, facer un alto no camiño antes de dirixirnos ao seminario no que participará Xosé Manuel Beiras, na área de Sofielund.

O dereito á autodeterminación
No seminario "O dereito á autodeterminación. Unha nova Europa baseada nos dereitos dos pobos" non había demasiada xente pero o mero feito de estar alí xa era importante. Se o catalán Quim Arrufet fixo unha análise histórica por unha Europa cada vez máis afastada da súa verdadeira realidade cívica e nacional, o columnista de Gara, Iñaki Soto, explicou -partindo dun estudo feito por el mesmo e publicado en forma de libro- as distintas liñas teóricas existentes en torno ao concepto de autodeterminación e deixou unha reflexión que cómpre ter en conta nestes tempos nos que calquera lobby de empresarios como os de Santa Cruz en Bolivia ou os señoritos da Padania bota man deste dereito con fins espúreos: "Estar a favor de asumir o dereito de autodeterminación como un dereito fundamental non implica estar a favor sempre e en todos os casos da secesión -e continuou- o único documento que si recoñece o dereito á secesión é, curiosamente, o acordo de unión dos paises europeos (os mesmos que negan ese dereito ás nacións sen estado) onde cada un deles se reserva o dereito a secesionarse da comunidade se así o estima oportuno".

No que toca a Beiras, do que hai que dicir que cando foi presentado por Arrufet como deputado galego en Madrid contestou con axilidade; "A Madrid, unicamente como embaixador", percorreu a historia da nación galega desde os alicerces máis afastados ata os movementos progresistas da modernidade para demostrar que, pola nosa condición de país cunha estructura económica periférica e en boa medida colonizada, o nacionalismo sempre foi da man das mesmas ideas emancipadoras que hoxe guían a esta incipiente esquerda global.

Canda as tres nacións do estado español, o xornalista e ponente polo foro social húngaro Endre Simó fixo fincapé na necesidade de acabar coa incomprensión por parte do movemento altermundialista do feito nacional. A experiencia húngara tras unha serie de loitas en contra da privatización do sector público a mans de empresas foráneas demostra que o sentimento nacional, desvestido do seu compoñente chauvinista ou discriminatorio, si pode ser unha ferramenta útil para aglutinar e avanzar na defensa das conquistas sociais.

Debido á súa situación xeográfica o sol sae ben cedo en Suecia. Da mañá ao serán o exceso de estímulos para os sentidos fan que, chegada a quietude da noite, encenda o portatil e me poña a ordenar o barullo de anotacións que recollo durante o día coa sensación de estar a rememorar cousas acontecidas moito tempo máis atrás. Só despexar un pouco a cabeza, sintetizar e conseguir pechar con éxito cada parágrafo, me permite ter novamente unha visión clara do que me rodea.

Confucio describía á persoa exemplar como "aquel que segue a intentalo aínda que sabe que é en van", no Foro Social Europeo de Malmö hai unha chea de persoas exemplares que se o seguen intentando é precisamente para que ningún sufrimento, ningunha explotación, ningunha discriminación, volva ser banal.


5/5 (13 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: