Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
En xuño de 2009

En sete meses non haberá bombas en acio no Estado Español

Só as precisas para aprender a desactivalas. Así o prometeu a ministra de Defensa, Carme Chacón, un día antes de que un cento de países asinen un tratado que prohiba o seu uso.

Redacción - 14:30 02/12/2008
Unha das máis modernas bombas en acio

Unha das máis modernas bombas en acio

O Estado Español vai destruír, até xuño de 2009, case todas as súas existencias de bombas de fragmentación, de submunicións ou en acio, unhas case 5.600 que aínda están en poder das Forzas Armadas. Así o asegurou esta terza feira a ministra de Defensa, Carme Chacón, quen dixo que dentro de sete meses só van quedar nos arsenais "aquelas bombas estritamente necesarias para que os nosos zapadores e enxeñeiros aprendan a desactivalas".

"Imos estar á cabeza da eliminación completa de bombas en acio", subliñou Chacón, mentres asistía, nas instalacións de Fabricaciones Extremeñas, en El Gordo (Cáceres), ao proceso de destrución de parte desta munición.

En Oslo, pola prohibición destas bombas
A ministra española de Defensa fixo estas declaracións xusto un día antes de que comece en Oslo (Noruega) a cimeira internacional na que un cento de países declararán ilegais estes explosivos. Porén, aínda non figuran entre os asinantes deste tratado os principais fabricantes e usuarios destas armas: os EUA, Rusia, China e Israel.

O tratado, que se redactou en Dublín no pasado mes de maio, prohibirá a produción, emprego, almacenamento, comercio e traslado e distribución destas armas, particularmente mortíferas e perigosas para a poboación civil das zonas en conflito.

"É unha das escasas ocasión na historia na que unha categoría enteira de armas sexa prohibida", sinalou Thomas Nash, coordinador internacional da Coalición Contra as Submunicións (CMC), organización que reagrupa a unhas 300 ONG. "A partir de agora, non vai ser posíbel o uso destas bombas a gran escala", afirmou.

Unhas bombas pensadas para non deixar superviventes
As bombas de fragmentación, chamadas tamén bombas en acio (BASM) poden conter varios centos de "bombiñas" máis pequenas que se dispersan nun perímetro considerábel, cando a bomba principal estoura. Estes pequenos fragmentos non teñen porque estoupar canda a bomba, senón que poden quedar esparexidos na zona, converténdose en minas antipersoas, prohibidas pola convención de Otawa de 1997. Estes pequenos anacos poden estoupar días, semanas, meses e mesmo anos despois de que se lanzase o artefacto.

Dende 1965 e segundo a organización Handicap International, unhas 100 mil persoas, o 98% delas civís, morreron ou ficaron mutiladas pola explosión destas bombas en todo o mundo. Máis dun cuarto delas son nenos, que acostuman confundir os pequenos fragmentos do artefacto explosivo con latas ou outras cousas coas que xogar. Para as ONG e países que levan anos loitando pola súa erradicación, non é só unha cuestión de desarme, senón "un asunto humanitario".

Laos é o país máis afectado por estes bombas. A aviación dos EUA deitou 260 millóns de submunicións entre 1964 e 1973, o equivalente á carga dun bombardeiro B52 cada oito minutos, durante nove anos seguidos. Esparexidas polos campos, estas armas fan perigoso o cultivo de produtos alimentarios, indispensábeis para a poboación, e seguen a provocar mortes, décadas despois de que terminen os conflitos.


Ligazóns

5/5 (1 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: