Matan durante as guerras, e logo matan moitos anos despois, cando un pé as pisa, nun prado ou nun camiño calquera. O 98% das súas vítimas son civís e o Estado español é un dos seus principais produtores.
Coincidindo co Día de Acción Contra las Bombas en Acio ou de Dispersión, varias organizacións non gobernamentais, guiadas por Greenpeace, pídenlle aos gobernos a erradicación desta clase de armamento, que afecta, sobre todo, á poboación civil, que é a vítima nun 98% dos casos.
As ONG's que actúan no Estado pídenlle ao goberno español que prohiba o emprego, a fabricación, o almacenamento e a comercialización destas armas, e tamén que se declare favorábel ao protocolo de Oslo, unha declaración asinada por unha oitava parte dos países do mundo.
O día contra as bombas en acio
Está organizado, en todo o mundo, pola Clusters Munition Coalition, a un mes antes xusto de que se celebre en Viena un congreso para falar do implantación dun tratado internacional que prohiba o uso destas bombas. Na actualidade non existe ningún, só hai unha "boa vontade común" e un protocolo internacional no aire, que unha oitava dos países do mundo se comprometeron a redactar antes de 2008.
Os EUA, Rusia e Xapón son os principais produtores
Entre os países que non se comprometeron a loitar contra estas bombas están os EUA, Rusia e Xapón, que ademais, son produtores destas armas. Segundo datos de Fundación por la Paz, hai preto de 30 países fabricando bombas en acio. De entre eles, os máis importantes son China, Francia, Alemaña, a India, Israel, Xapón, Rusia, o Reino Unido, España e os Estados Unidos (que ademais deas producir, empregounas no Irak, ao tempo que Israel as empregaba no Líbano).
A listaxe de países que as compran é case interminábel. Saben que están mercando unha arma moi "eficaz", que ao estoupar dispara de 200 a 600 artefactos explosivos arredor de si mesma, indiscriminadamente, nun radio de 400 metros. Na moda de medir en campos de fútbol, pódese dicir que estas bombas afectarían unha área equivalente a dous campos ou catro.
Ás veces non estoupan (do 5 ao 30% dos casos), e daquela fican activas durante moitos anos, até que alguén tropeza con elas. A poboación das áreas en guerra é a máis afectada, porque mesmo moitos anos despois da contenda, cando quere recuperar as súas terras, pode atoparse cunha destas bombas.