Kim Jong Il volveu á escena pública despois de tres meses, pero un lector dun medio online descubriu que a imaxe estaba manipulada.
Detalle da polémica foto
Despois de moito tempo de especulacións sobre a saúde do líder norcoreano, Kim Jong Il, fíxose pública unha fotografía do presidente en aparente bo estado de saúde. Porén, un lector do Times Online descubriu que a imaxe é falsa: unha burda manipulación feita cun programa de edición de fotografías.
O esperto lector, Anthony, de Kuala Lumpur, notou que, na imaxe publicada pola Axencia de Noticias Central de Corea, a sombra do líder norcoreano non tiña o mesmo desprazamento ca o dos soldados que o rodean. Nun comentario, dixo: "Noten como a sombra das pernas de Kim é vertical, mentres que a das tropas dos dous lados del están en ángulo".
O líder de Corea do Norte non se vira en público nos últimos tres meses, o que levou a pensar que sufrira un grave ataque. Nesa mesma liña ían as informacións vertidas polas axencias de espionaxe surcoreanas e estadounidenses.
A axencia estatal norcoreana publicou o mes pasado outra imaxe de Kim que amosaba o seu, aparentemente, bo estado de saúde. Porén, a vexetación do fondo suxería que a foto se tirara había bastantes meses, noutra estación do ano.