O goberno de Pyongyang anunciou este martes a súa intención de regresar ao diálogo multinacional sobre o desarme atómico logo de levar a cabo o pasado 9 de outubro a súa primeira proba nuclear. Foi o ministerio chino de Asuntos Exteriores o que informou da nova actitude do réxime norcoreano despois da celebración dunha reunión trilateral en Beixín entre representantes dos Estados Unidos, China e Corea do Norte. Segundo o delegado do goberno de Bush na xuntanza, Christopher Hill, o regreso ao diálogo "poderase producir durante novembro ou decembro" e asegurou que Corea do Norte non esixiu na xuntanza a retirada das sancións impostas logo da proba atómica pero si unha negociación.