As xinecólogas a bordo do buque holandés practicarán abortos ás mulleres que llelo soliciten. Varios grupos pro-vida preparan protestas.
A chegada do barco da organización holandesa Women on Waves, que defende o dereito das mulleres a abortar, está prevista para esta quinta feira 16 de outubro no porto de Valencia. O buque ha facer dúas saídas a alta mar, os días 17 e 20 de outubro, para poder practicar abortos ás mulleres que o soliciten.
Daquela, o Women on Waves afastarase da costa 30 quilómetros, para meterse en augas internacionais, de tal xeito que as xinecólogas que leva a bordo poidan practicar a interrupción do embarazo baixo a lei holandesa, unha das máis liberais neste eido. A bordo practícanse, de balde, a mulleres embarazadas até sete semanas, a partir do método farmacolóxico (con pílulas). A plataforma abriu a "liña vermella do aborto" (600 050 663), para dar información a todas aquelas mulleres que estean interesadas en subir ao buque.
As organizacións feministas que fixeron posíbel a chegada da ONG e máis o seu barco a Valencia, convocaron unha concentración para o día 17 na Estación do Norte, na cidade, para reivindicar o dereito das mulleres a abortar. Tamén programaron, para o día 20, unha conferencia da doutora Rebecca Gomperts, líder da organización Women on Waves, que xa viaxara a Barcelona, a comezos deste mes, para participar nun acto no que se reivindicaba a despenalización do aborto.
Protestas dos grupos antiabortistas
A chegada do barco a Valencia acendeu os grupos antiabortistas. Un deles, denominado Juventudes por la Vida, asegurou que vai seguir o barco con dúas lanchas para protestar pola súa presenza. Rita Barberá, a alcaldesa de Valencia, dixo que a chegada desta buque é unha "provocación".
Esta non é a primeira vez que as organizacións contrarias á interrupción do embarazo tentan boicotear a presenza do Women on Waves. No ano 2003, o goberno portugués bloqueou a entrada do barco en Lisboa cunha fragata. Catro anos despois, após un referendo, Portugal legalizou o aborto.