O Ministerio de Igualdade que dirixe a socialista Bibiana Aído puxo en marcha un Comité de Expertos para este fin.
O Ministerio español de Igualdade anunciou esta quinta feira que unha "nova" lei sobre o aborto -que non unha reforma- entrará en vigor "a finais de 2009 ou principios de 2010", logo da posta en marcha dun Comité de Expertos para o Estudo da Interrupción Voluntaria do Embarazo.
A ministra Bibiana Aído indicou que este grupo, cun "alto nivel científico e intelectual", elaborará o texto do proxecto de lei nun período de seis meses e, posteriormente, será enviado ao parlamento para a súa aprobación, onde será debatido en subcomisión polos grupos.
As conclusións serán analizadas polo Comité de Expertos, composto por expertos sanitarios, legais e político, antes de que este envíe o proxecto de lei ao parlamento para a súa aprobación. A lei actual data de 1985.
Segundo Yolanda Besteiro, presidenta da organización de ámbito estatal Mulleres Progresistas, a nova lei é necesaria para "garantir o dereito de todas as mulleres españolas a decidir libremente o seu futuro". Ademais, segundo a súa opinión, "que a redacción da lei sexa dirixida por Igualdade lle engade esperanzas ao proxecto".