O servizo, de balde, pretende garantir o dereito a decidiren libremente sobre o seu corpo.
A Secretaría Xeral de Igualdade da Vicepresidencia da Xunta vai ofertar asesoramento xurídico de balde ás mulleres autoinculpadas de abortar de xeito ilegal ou que teñan interrumpido a gravidez en clínicas homologadas e fosen citadas polos xulgados.
Para garantir o cumprimento do dereito das mulleres a decidiren libremente sobre o seu corpo, o teléfono de atención 24 horas de Vicepresidencia, 900 400 273, derivará todas as chamadas relacionadas con este asunto ao novo servizo de asesoramento xurídico. Igualmente, a Secretaría Xeral de Igualdade e a Dirección Xeral de Xuventude farán o mesmo coas consultas que se tramiten nos centros Quérote.
Igualdade lembra o compromiso do Goberno co exercicio en liberdade dos dereitos reprodutivos das mulleres, prestando unha atención especializada e de proximidade a quen o solicite.