Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Datos da Enquisa de Poboación Activa, do INE

Malia os malos datos do último trimestre, o paro baixa un 5,82% en 2007

A taxa cae en Galiza deica o 7,47%. Tras Euskadi, é a zona do Estado onde máis descendeu. Porén, nos últimos tres meses o número de desempregados aumentou en 9.000 persoas.

Redacción - 11:00 25/01/2008
Tags: 2007 paro

O paro baixou en Galiza en 6.000 persoas (un 5,82%) no ano 2007 con respecto a 2006, o que situou o total de desempregados en 96.500 e a taxa de paro no 7,47%, segundo os datos da Enquisa de Poboación Activa feita pública este venres polo Instituto Xeral de Estatística (INE).

Tras Euskadi, Galiza liderou a baixada do paro a nivel estatal. Porén, cómpre salientar que no último trimestre do ano, o desemprego aumentou en 9.000 persoas, un 10,27%, namentres que o aumento no Estado Español foi de 135.700 persoas, un 7,57% neste período, e de 117.000 (6,46%) en todo o ano. O global de parados é de 1.927.600 e a taxa de desemprego é do 8,6%.

Outros datos
Por provincias, A Coruña é a que ten un maior número de parados, con 45.500, o 8,44% da poboación activa; Pontevedra, 34.400 (7,54%); Lugo, 9.000 (5,97%); e Ourense, 7.600, o 5,2%.

Por sexos, hai 55.900 mulleres desempregadas, cun taxa de paro do 9,82% da poboación activa, e 40.600 homes, o 5,61%.

O número de ocupados aumentou en 25.600 persoas (2,19%), situando a cifra total en 1.196.100. No último trimestre de 2007 diminuíron en 19.000 (1,56%).

Por último, os activos incrementáronse en 19.600 persoas (1,54%), deica 1.292.600. No cuarto trimestre caeron en 10.000 persoas, un 0,77%.


0/5 (0 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: