Segundo os datos do INE, feitos públicos na sexta feira, Galiza rexistrou a baixada do paro máis acusada do Estado, pasando a ter, no terceiro trimestre de 2007, 10.400 desempregados menos.
Aínda que foi en Cataluña onde se rexistrou un incremento meirande da poboación activa (44.600 persoas), foi en Galiza (10.400) e en Asturias (8.500) onde máis baixou o paro, segundo os datos absolutos da Enquisa de Poboación Activa (EPA) feita este venres públicada polo Instituto Nacional de Estatística (INE).
Galiza tamén é a cuarta comunidade en niveis de ocupación (18.800 persoas máis teñen unha ocupación, fronte aos 35.200 ocupados máis de Madrid, a primeira da listaxe).
En canto ao paro de mulleres e de homes, Galiza está na listaxe (con Cantabria, Illas Baleares, Aragón e Cataluña) de comunidades que ofrecen unhas taxas menos diverxentes por sexo, cunha diferenza de 2,5 ou menos puntos entre a porcentaxe de homes e de mulleres activas empregadas.
A nivel estatal
No cómputo global estatal, o paro subiu en 31.900 persoas no terceiro trimestre do ano, o 1,8% en relación ao trimestre anterior. O número total de desempregados situouse en 1.791.900, e a taxa de paro chegou até o 8,03%, fronte ao 7,95% do trimestre anterior, así que as cousas mudaron algo.
Nos últimos meses 26.800 persoas quedaron sen emprego (o 1,5% máis), mentres que o número de ocupados aumentou un 3,09%, até chegar ás 615 mil persoas.