No último ano o desemprego caeu en 10.590 persoas, e sitúase en 143.156.
O número de parados rexistrados en Galiza nas oficinas do Servizo de Emprego baixou en 5.053 persoa durante o pasado mes xuño, co que a cifra total de desempregados se sitúa en 143.156.
No total do Estado, o descenso do paro rexistrado o mes pasado foi de 7.362 persoas, polo que o número total de desempregados é de 1.965.869, segundo informou este martes o Ministerio de Traballo español.
Primeiros do Estado
O maior descenso produciuse en Galiza (-5.053), seguido de Castela e León (-4.621) e Castela-A Mancha (-2.783), e o maior ascenso, en Andalucía (9.038) e Cataluña (677).
En Galiza, a diminución do número de parados foi do 3,41% respecto a maio e, en termos interanuais, os desempregados caeron en 10.590, un 6,89%.
Malia o dato positivo de ser a zona do Estado co maior descenso, o paro feminino segue a ser a materia pendente, xa que a cifra de homes desempregados sitúase en 50.809, mentres que a de mulleres é case o dobre: 92.347.
Por sectores e por provincias
Por sectores, o paro rexistrado baixou en todos en xuño, agás no colectivo sen emprego anterior, que subiu en 283 e fica o total en 22.719. O maior descenso produciuse nos servizos (en 3.488, até os 79.327); seguido da industria (en 961, até 22.664); da construción (en 604, até 14.069); e da agricultura (en 283, até 4.377).
Por provincias, tamén baixou en todas no mes de xuño. Así, en Pontevedra (na que máis de todo o Estado) fíxoo en 2.286, un 4,21%; na Coruña, en 1.387, un 2,28%; en Lugo, en 896, un 6,11%; e en Ourense, en 484, un 2,61%.
Tras estes datos, a provincia coruñesa ten 59.332 desempregados; a pontevedresa, 51.976; a ourensá, 18.073; e a lucense, 13.775 parados.